Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación ofrece aos 69 usuarios dos centros de Axuda ó Enfermo Mental da Mariña terapias sobre agricultura e floricultura ecolóxica

Axuda enfermo mental -CERVO- (5)Lugo, 18 de xaneiro de 2017. A Deputada de Benestar, Sonsoles López Izquierdo, mantivo este xoves un encontro con usuarios da Asociación de Axuda ó Enfermo Mental A Mariña, que é o único colectivo da Comarca que ofrece atención profesional especializada a estas persoas nos seus tres centros en Cervo, Burela e Ribadeo. Son 69 os veciños de Concellos de toda a Mariña os que atende esta asociación cunha axuda do Goberno Provincial de case 50.000 euros ao ano.

O encontro foi nas instalacións de Cervo onde actualmente se están a construír, grazas á única colaboración económica do Goberno da Deputación, dous invernadoiros onde ofrecer a ditos 69 usuarios pioneiras terapias de desenvolvemento persoal e laboral ao abeiro dun programa que leva por nome Capacitando. Rematadas ditas instalacións, levaranse a cabo obradoiros de formación e prácticas reais sobre agricultura e floricultura ecolóxica. Aprender un oficio para facilitar a inserción laboral e contribuír aos desenvolvemento persoal son os principais obxectivos destas innovadoras terapias, que xa se aplican con éxito noutros países.

Capacitando
López Izquierdo supervisou o avance dos traballos de dotación destes invernadoiros xunto á Directora Técnico Xeral deste colectivo, María José Nóvoa Rodríguez, e mantivo encontros cos 24 usuarios da unidade residencial desta asociación en Cervo. Os traballos rematados consistiron na instalación do sistema de suxeición, ventilación e cuberta con aceiro, así como a dotación do sistema de rego, dun depósito de auga de 500 litros e unha porta que da acceso á instalación. Só resta colocar a cuberta de plástico do invernadoiro, que polas incidencias climatolóxicas non se puido poñer. Todas estas actuacións permitirán as condicións de temperatura, luz e humidade idóneas para o cultivo de especies vexetais fora da súa estación do ano habitual.

Na superficie, que conta con 50 m2, os usuarios aprenderán a identificar con formación teórica e práctica as diferentes especies botánicas, cultivando as súas propias hortalizas, como leitugas, cenorias, tomates, allos, repolos, cebolas… así como diversas plantas como caraveis, gladíolos e margaritas, ademais de especies aromáticas como albahaca, cilantro, lavanda ou orégano, entre outras. Os obradoiros realizaranse dous días á semana, en quendas de 4 horas, ademais do mantemento e o seguimento diario. Todo isto coa supervisión e axuda de dous monitores especializados na atención de persoas con enfermidade mental.

50.000 euros anuais
A construción destes dous invernadoiros é unha das colaboracións do Goberno da Deputación coa Asociación de Axuda ó Enfermo Mental A Mariña para contribuír á prestación de atención profesional aos usuarios e familias que integran este colectivo. Son case 50.000 euros os que inviste o Executivo Provincial na asistencia a persoas con enfermidades mentais a través da que é a única asociación da Comarca mariñá especializada na súa atención. Estes fondos permitiron trasladar o centro de rehabilitación psicosocial e laboral desta asociación en Burela a unhas novas instalacións totalmente acondicionadas, mellorando este servizo; financiar unha grande parte dos custos de funcionamento deste colectivo, que conta con 15 profesionais contratados (psicólogos, traballadores sociais, educadores sociais, terapeutas ocupacionais, enfermeiros..) para a atención dos usuarios; así como ofrecer actividades como por exemplo talleres de estimulación cognitiva, psicomotricidade, teatro, taichí, actividades deportivas ou mesmo saídas culturais pola provincia.

Asociación de Axuda ó Enfermo Mental A Mariña
A Asociación de Axuda ó Enfermo Mental A Mariña atende a 69 persoas nos seus 3 centros especializados que na Mariña: en Burela atende a 25 usuarios, en Ribadeo a 20 e en Cervo a 24 usuarios. É o único colectivo que ofrece atención especializada para mellorar a calidade de vida e defender os dereitos das persoas con enfermidades mentais, así como das súas familias. Hoxe conta con usuarios do Vicedo, Viveiro, Xove, Cervo, Burela, Foz, Barreiros e Ribadeo, Ourol, Alfoz, O Valadouro, Lourenzá, Mondoñedo, Riotorto, A Pontenova ou Trabada.

Exit mobile version