Site icon Crónica3.com A Mariña

A investigación achega dados sobre a represión económica na Mariña. A Pomba do Arco presenta un libro sobre o espolio do Pazo de Meirás

Foz 16-1-18. A Asociación Cultural A Pomba do Arco organiza o Xoves 18 de Xaneiro ás 20:30 na Libraría Bahía de Foz a presentación do libro “Meirás, un pazo, un caudillo, un espolio”, no que tomaran a palabra os autores do volume Carlos Babío e Manuel Pérez Lorenzo. “Meirás, un pazo, un caudillo, un espolio”, publicado pola Fundación Galiza Sempre, é unha investigación histórica sobre o roubo do Pazo de Meirás pola familia do ditador Francisco Franco, sinalando os procedementos seguidos para facerse irregularmente coa propiedade e as presións para obrigar, mediante sancións económicas, ás galegas e galegos a achegar os fondos para o mesmo.

O volume achega ao tempo un estudo sobre a represión económica no franquismo, facendo un percorrido por casos semellantes aos do Pazo de Meirás ao longo da xeografía galega así como das multas e requisas utilizadas como forma de castigo aos demócratas, incluíndo casos da comarca d´A Mariña. Neste sentido, podemos observar os diversos mecanismo de persecución económica seguidos na zona, sinalándose as subscricións económicas forzadas, como as promovidas en apoio ao “Avión Lugo” que chegou a sumar 127.000 pesetas entre Ribadeo, Viveiro, Foz e Mondoñedo ou aquelas promovidas para fornecer roupas de abrigo aos soldados mobilizados.

A obra tamén documenta a incautación de bens en diversas localidades da Mariña. Así recolle como en Ribadeo o Xulgado Militar ordenou incautarse das existencias de diferentes comercios e establecementos cuxos donos fuxiran despois da toma da localidade. O intendente Xeral, despois de ser consultado sobre a posibilidade de que fosen enviados os diferentes efectos incautados algún centro militar, respondeu que era preferible que fosen vendidos procurando sacar deles o maior beneficio para o Tesouro. Un caso paradigmático nesta localidade, atopámolo nas incautacións realizadas para a instalación da Comandancia Militar da vila, que daría lugar a ocupación de diversos edificios privados.

A Comandancia Militar instalouse nun edificio incautado propiedade do banqueiro crebado Manuel Casas, pero en febreiro de 1937 o inmoble foi ocupado por orde do xeral xefe da División para a instalación dun Hospital. Como a maioría dos esquerdistas fuxidos habitaban casas alugadas, e os que o facían nas que eran da súa propiedade ningunha reunía condicións de capacidade suficiente, as Comandancias Militar e Naval trasladáronse a unha casa propiedade de Isabel Martínez, esposa do ex director xeneral de Ensino Primario con Primo de Rivera Ignacio Suárez Somonte. Cando este reclamou o inmoble, as autoridades militares ocuparon a casa do vicepresidente local de IR Dionisio Ponceliz Bordos, a única de todos os fuxidos que reunía condicións de capacidade suficiente, cando xa fora incautada polo Xulgado Militar de Ribadeo e posta a disposición da CPIB.

Exit mobile version