Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta achega 160.000 euros á mancomunidade de concellos da Mariña para accións de promoción turística do xeodestino

Lugo, 16 de xaneiro de 2018.- A Xunta de Galicia destina 160.000 euros á Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense para accións de desenvolvemento turístico do xeodestino, a través dun convenio de carácter bianual con Turismo de Galicia.

Segundo explicou o delegado territorial, José Manuel Balseiro, o obxectivo é impulsar o xeodestino -xunto co da Ribeira Sacra os únicos que actualmente están en funcionamento na provincia- “garantindo un financiamento que se renova automaticamente e se destina á oferta de produtos turísticos, á formación dos axentes implicados e á promoción do destino”.

En total, a Xunta achega o 84% do investimento en materia turística que se establece no convenio previsto para o bienio 2018-19. Este financiamento permitirá continuar con produtos turísticos como as rutas de artesanía e o mes da maxia, que se desenvolve entre outubro e novembro e ten cada ano maior aceptación.

Igualmente, incidirase no traballo de consolidación do Camiño Norte, facendo especial fincapé nas ferramentas tecnolóxicas que permitan un acceso áxil e sinxelo á información sobre a ruta. Así mesmo, contémplase o fomento do turismo de natureza e das rutas de sendeirismo e a promoción do destino vinculado ao concepto do Turismo Slow.

Outra das liñas de actuación que se recolle no convenio é a formación de axentes turísticos, xa que a calidade na atención ao cliente resulta fundamental na valoración subxectiva da calidade da oferta turística que realizan os visitantes.

Por último, o investimento destínase tamén á comunicación e promoción xeral do destino, o que inclúe tanto a coordinación dos distintos programas e actores implicados como a difusión a través de accións publicitarias.

José Manuel Balseiro lembrou que, ademais, Turismo de Galicia realiza unha acción constante e directa de promoción do xeodestino da Mariña lucense, “nas principais feiras internacionais do sector ou a través de material publicitario e mesmo na web de Turgalicia, un potente buscador de recursos turísticos no que a comarca ten un protagonismo especial”.

Ao respecto, cabe subliñar que a Mancomunidade de Concellos da Mariña presentará a súa oferta o vindeiro xoves no stand da Xunta en Fitur, a feira de turismo de maior relevancia no panorama nacional.

Exit mobile version