Lugo, 30 de xaneiro de 2018.- A Consellería do Medio Rural apoia a 356 titulares de explotacións agrarias e gandeiras lucenses con axudas para garantir o subministro de auga, naquelas zonas que resultaron afectadas por unha declaración de seca, como é o caso da demarcación da bacía hidrográfica do Miño-Sil.
O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, sinalou que a provincia de Lugo é a gran beneficiaria destas subvencións ao recibir case o 61% do total do investimento previsto, en concreto, axudas por valor de máis de 562.000 euros.
Co apoio do Goberno galego os profesionais do agro reciben axudas para creación ou mellora das conducións de abastecemento de auga, tales como balsas de almacenamento, bebedoiros, conducións para o seu abastecemento, sempre que non supoña unha nova captación de auga. Tamén os equipamentos para a mellora do abastecemento de auga ás explotacións gandeiras, como cisternas móbiles ou bebedoiros móbiles. E, en xeral, servizos de abastecemento de auga ás explotacións agrarias, como pozos de barrena.
Balseiro lembrou que esta orde de axudas que publicou en novembro a Consellería do Medio Rural, dotada con preto dun millón de euros, busca axudar a aquelas explotacións que buscan adaptar as súas instalacións para poder afrontar fenómenos meteorolóxicos como a seca, con medios propios, e sen ter que depender dun subministro externo ou, no peor dos casos, quedarse sen auga, un recursos esencial para as tarefas diarias que se desenvolven nunha explotación agraria ou gandeira.
Na provincia de Lugo o maior número de solicitantes e beneficiarios concéntranse nos concellos da Montaña lucense, en particular, nos de Baralla e Fonsagrada (con 27 beneficiarios cada un), Cervantes (20 beneficiarios), Becerreá (15 beneficiarios). Destacan tamén as axudas concedidas a titulares de explotacións agrarias emprazadas en Sarria (con 22 beneficiarios)
Estas iniciativas, que forman parte do paquete de axudas extraordinario para apoiar aos agricultores e gandeiros afectados pola seca, súmanse tamén a outros apoios para facilitar o financiamento e a liquidez das explotacións agrogandeiras, postos en marcha desde o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e que inclúen desde préstamos a a xuro cero, ao refinanciamento de pasivos e apoio de circulante