Trátase dun servizo público gratuíto, sufragado directamente pola Administración autonómica e, polo tanto, sen custe para os estudantes de ensinanzas obrigatorias que se desprazan nas ao redor de 700 rutas diarias que percorren vilas, pobos e aldeas.
Ao bus cos escolares das Nogais
Así o explicou, esta mañá, o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, quen acompañou a un grupo de escolares das Nogais durante o traxecto que os achega ao colexio de educación infantil e primaria da localidade.
Balseiro xunto ao alcalde da localidade, Jose Manuel Núñez, tivo a oportunidade de conversar tanto cos rapaces como cos coidadores e comprobaron, subidos ao bus escolar, o bo funcionamento deste servizo.
Na provincia de Lugo están en marcha 355 contratos de transporte escolar con rutas diversas sempre adaptadas aos horarios de entrada e saída dos centros educativos e con especial consideración para garantir a mobilidade dos residentes nas zonas rurais.
Importante aforro para familias
“O seu obxectivo prioritario é que os rapaces cheguen ao colexio e regresen ás súas casas no horario previsto. Pero tamén, co transporte escolar, o Goberno galego busca proporcionar un servizo complementario ao estritamente educativo, que supón un aforro para moitas familias e sirve como ferramenta para facilitar a conciliación da vida persoal e laboral”-dixo Balseiro.
O delegado territorial puxo en valor outras vantaxes para estudantes, entre as que destaca a adquisición de hábitos de responsabilidade e puntualidade, maior confianza e respecto á figura do coidador e unha maior socialización. Tamén para as nais e pais o transporte escolar ofrece vantaxes, como por exemplo, reduce a conxestión do tráfico ao redor das escolas, ofrece un mellor control do tempo e un aforro de combustible.
Finalmente as liñas de transporte escolar contribúen a manter un importante número de empregos vencellados ás empresas de transporte concesionarias, operarios de mantemento e administrativo e, sobre todo, as persoas encargadas da condución dos autocares, buses ou minibuses, e tamén as persoas coidadoras que acompañan aos estudantes durante o traxecto unha figura, por certo, sempre presente a instancias da normativa vixente aprobada pola Xunta.