Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta rematou os traballos na restruturación parcelaria de Pereiro-As Oiras, en Alfoz, tras un investimento de máis de 1 millón de euros

Alfoz, 30 de xaneiro de 2018.- A Consellería do Medio Rural rematou as obras da restruturación parcelaria de Pereiro-As Oiras, logo de que recentemente ultimaran os traballos pendentes na rede de camiños secundarios.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que ao longo deste ano realizaranse os trámites administrativos conducentes á entrega dos títulos de propiedade, que inclúen a necesaria revisión integral do expediente e a comprobación dos datos identificativos dos interesados para proceder á inscrición no rexistro da propiedade.

A Xunta investiu neste proceso 1.039.500 euros, dos cales máis de 872.000 foron dedicados á construción e mellora de 36,7 quilómetros de camiños, entre a rede principal e secundaria, na superficie de actuación, que suma 349 hectáreas.

A concentración parcelaria de Pereiro-Oiras involucra a 377 propietarios, e permite que un total de 2.395 parcelas se vexan reducidas a 669 fincas. Preto do 75 por cento da extensión será superficie agraria, e o resto estará destinado a aproveitamento forestal.

Jose Manuel Balseiro, destacou a importancia económica que supón a reorganización parcelaria. De feito, o delegado territorial insistiu en que “o obxectivo último da Xunta de Galicia radica en ofrecer aos propietarios a posibilidade de sacar maior rendibilidade aos terreos a través de novas explotacións, máis amplas, que eviten o abandono da terra e a racionalización da produción”.

“Redimensionar as fincas facilita o traballo, optimiza os resultados e incrementa o rendemento; en definitiva, é o camiño a seguir para impulsar o desenvolvemento económico do rural e o mantemento e coidado da superficie agraria e forestal”, concluíu o delegado.

Exit mobile version