Site icon Crónica3.com A Mariña

Alfredo Llano fixo un balance positivo da presenza da mariña en Fitur e da presentación que tivo lugar este xoves no stand de Galicia

180118 Foto Mariña Fitur 2Madrid, 18 de xaneiro de 2018. O presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña, Alfredo Llano, fixo un balance positivo da presenza da comarca en Fitur e da presentación que tivo lugar esta tarde no stand de Galicia. E subliñou que “o que buscamos é un turismo fluído e integrador”.
Llano explicou que “acabamos de facer a presentación da Mariña en Fitur, houbo bastante presenza tanto institucional como de turoperadores, dedicámonos a dar a coñecer as virtudes desta comarca, enfocámolo na diversidade na capacidade que temos para ofrecer grandes oportunidades a quen nos visita, como poden ser as praias, pero tamén a gastronomía, o deporte, a cultura, a etnografía… fixemos mención a toda a oferta que poden atopar na Mariña”.
O presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña subliñou que “fixemos fincapé en que nos interesa un turismo fluído, de descanso e que descubra todo o que temos na nosa terra, que non se concentren nas mesmas datas e nos mesmos lugares, queremos que se disperse, que se integren entre nós e que lles queden moitas ganas de volver. Buscamos un turismo integrador e fluído con moitas expectativas e oportunidades de coñecer en profundidade esta terra”.
Alfredo Llano pensa que “esa idea foi ben recollida e agardamos que dea os seus froitos e tentaremos seguir aí apoiando o turismo desta comarca. Pronto asinaremos un novo convenio coa Axencia de Turismo de Galicia, agardo que Nava Castro veña á Mariña. Tiven a oportunidade de estar co ministro e co embaixador de Cabo Verde para traballar asuntos en común, a promoción turística de Cabo Verde na comarca e da comarca nese país. Foi unha cuestión moi positiva”.
O presidente da Mancomunidade engadiu: “quedamos satisfeitos da nosa presentación. É a edición de Fitur onde máis xente vin, é incrible a cantidade de xente que hai na feira. Deixamos moitos dípticos da Mancomunidade. Os que viñeron para o inicio de Fitur xa estaban esgotados, aínda trouxen eu máis e deixámolos repartidos nos diferentes mostradores da Axencia de Turismo de Galicia. Creo que foi positiva a nosa presenza aquí. Agardamos que agora se note na particularidade durante todo o ano para que veña moita xente á Mariña”.

Exit mobile version