Site icon Crónica3.com A Mariña

Balseiro destaca en Fitur que o centro integral de turismo en Foz suporá “un importante avance cualitativo” no posicionamento da Mariña como destino

B3006269-D04A-41BD-8439-0F1E11CFD1EAMadrid, 18 de xaneiro de 2018.- O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, destacou hoxe en Fitur que o Centro Integral de Turismo A Mariña Virtual, con sede en Foz, suporá “un avance cualitativo” no posicionamento da Mariña como destino, ao facilitar ferramentas tecnolóxicas que farán máis áxil e sinxelo o acceso a todos os recursos turísticos da comarca.

Balseiro lembrou que a Xunta de Galicia inviste 240.000 euros neste proxecto, que considerou “estratéxico” xa que “permitirá achegar aos visitantes todo o potencial da Mariña, dende o patrimonio natural e cultural ata a programación de ocio dispoñible en cada momento”.

No marco da presentación da campaña A Mariña lucense, máxica por natureza -no expositor da Xunta na Feira Internacional de Turismo que se celebra en Madrid-, o delegado territorial explicou que no Centro Integral de Turismo, que se ubicará no Cenima de Foz, os turistas poderán “interactuar con personaxes históricos e viaxar no tempo a través de tecnoloxías de realidade aumentada, realidade virtual e montaxes en 3D”.

Tamén accederán a un arquivo fotográfico histórico nun entorno dixital xeorreferenciado e, así mesmo, disporán dunha aplicación para acceder de forma clara, ordenada e detallada a toda a información sobre a comarca, sobre unha base cartográfica en tres dimensións. En definitiva, afirmou o delegado, “trátase dunha aposta por un proxecto de vangarda que será valioso para toda a comarca”.

Balseiro lembrou que a Xunta “suma esforzos” cos concellos e coa Mancomunidade de Municipios da Mariña, que xestiona o xeodestino e coa que Turismo de Galicia asina un convenio bianual polo que achega 160.000 euros para o desenvolvemento de accións de promoción turística.

Exit mobile version