Os votantes teñen que ser quen de percibir estas situacións, detalles non faltan, para elixir entre as distintas opcións políticas, segundo o seu grado de saúde democrática e de funcionamento. Compre revisar o casco de madeira dun barco antes de saír de marea, pode estar moi ben pintado no exterior e ter moi bo deseño pero o final se a madeira está podre vai entrar auga. O problema é que a desafección da política, xa dubido se interesada, non deixa ver a realidade.
Hoxe non chega con ter un bo programa, con ter unha idea de País, con ser unha máquina electoral. Para que se avance na política e na sociedade é preciso un traballo en equipa co significado que ten. Con lealdade o proxecto, ás ferramentas e a Galicia.
Galicia non é allea a crise de partidos e de posicións políticas. Nun avance sen precedentes dos egos persoais, onde cada quen se representa a si mesmo e no mellor dos casos ás posicións inmobilistas da acción política dos partidos. A escala de valores está totalmente invertida en aqueles que están representados no Hórreo, sen excepción: primeiro a opción persoal de cada quen, depós as posicións de partido e incluso de partido dentro de confluencias e despois o interés de Galicia, se cadra. Campañas baseadas no líder no canto do proxecto son o síntoma máis claro. A forma de traballo tiña que ser diametralmente distinta: Galicia primeiro sempre. Esta forma de actuar ten o xerme na propia loita dentro dos partidos políticos máis representativos de Galicia onde quen controla o aparato éo todo.
Cando menos dous cabalos de Troia están xa actuando na política galega, cada quen que pense o que queira, pero pronto, cando sexa noite sairán os mercenarios a facer o seu traballo. Non lles importa Galicia, non teñen proxecto, a única opción é o control so seu propio reino. Os que acrediten na política que miren os detalles, grandes executivas onde por definición están 10 amigos e 40 inimigos nunha teima torpe de ter os inimigos cerca son un síntoma a estudar dentro de moitos outros.
Galicia precisa que os galegos e galegas ollen o casco de cada barco, non se precisan vías de auga na borrasca que chega, borrasca de reformas e negociacións, na que Galicia se xoga ser ou non ser. Confío en que o pobo galego é listo e ó final vai alborexar porque a opción xa existe.
Piñeiro Docampo
Sº Xeral de CxG