Site icon Crónica3.com A Mariña

Campos Conde participa na XV Festa do Chícaro de Foz coa que colabora o Goberno da Deputación con 3.000 euros

2018-01-20-PHOTO-00000009Lugo, 20 de xaneiro de 2018. O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, participou este sábado na inauguración da XV Festa do Chícaro de Foz. Trátase da cita gastronómica que acolle o municipio mariñán durante a xornada de hoxe e mañá, domingo, na carpa habilitada no peirao de Foz e nos establecementos hostaleiros do municipio. O Goberno da Deputación colabora cunha achega económica de 3.000 euros ao Concello para a celebración desta feira co obxectivo de promover o berberecho, un produto autóctono dunha calidade exquisita e cun factor de singularidade turística capaz de atrae a milleiros de visitantes.

Nesta décimo quinta edición da festa ofreceranse máis de 1.200 kg deste manxar que se poderá degustar ao vapor, empanado, á provenzal ou con fabas de Lourenzá. Os pratos preparados na carpa habilitada no peirao de Foz teñen un prezo de 5 euros con pan incluído e as actividades complétanse con música e animacións pola rúas.

Programación da Festa
A XV Festa do Chícaro comezou este sábado ás 12:00 horas no peirao de Foz coa inauguración e pregón a cargo do profesor galego, poeta e escritor mariñán Paco Ribas, que ten editados numerosos libros entre os que destacan Fraseoloxía do mar, Entre o ábalo e a zaranda ou De punta a chícote, que recolle o vocabulario dos veciños da mariña. Ás 12:45 horas tivo lugar a apertura dos 6 stands, nas que se ofrecerán elaboracións a cargo dos alumnos do Departamento da Escola de Hostalaría do IES de Foz. Durante a xornada matinal o grupo musical Mar Aberto encargarase da animación con música tradicional e xa pola tarde, ás 19:00 horas será a quenda do grupo O Feitizo con batuka e bailes tradicionais. Ás 21:00 horas, para rematar o primeiro día de festa terá lugar a actuación da Charanga NBA. O domingo 21 de xaneiro a Festa do Chícaro continuará nos establecementos hostaleiros de Foz e dende as 12:30 ata as 15:00 horas os grupo Folklóricos e a charanga NBA animarán as rúas do municipio mariñán.

Exit mobile version