Site icon Crónica3.com A Mariña

Catro empresas optan a xestionar o centro de día residencia do Concello de Cervo

Cervo, 19 de xaneiro de 2018.- Catro empresas son as que finalmente optarán a xestionar o Cento de Día Residencia do Concello de Cervo, ubicado na zona da Veiga, en San Cibrao. Son a Asociación Edad Dorada Mensajeros de la Paz Castilla La Mancha-Galicia; Idea Servicios Socio Sanitarios S.L.; Serge Lucense S.A. e a UTE Servicios asisteciales Riazor S.L. e Atendo Calidade S.L.
O pasado 26 de decembro, a Xunta de Goberno Local do Concello de Cervo aprobou o prego de licitación desta infraestrutura pública. Por unha banda, aprobouse o expediente de contratación que vai ser en réxime concesional por procedemento aberto; e por outra, os pregos de cláusulas de administración particulares e de prescricións técnicas que van ser os que rixan o contrato de xestión do servizo de atención residencial e centro de día.
As empresas interesadas tiñan dende a data de publicación do prego no B.O.P 15 días naturais para presentar as súas propostas, un período que rematou o pasado luns, 15 de xaneiro.
Tal e como avanzou o rexedor, Alfonso Villares, será o vindeiro luns, 22 de xaneiro, cando se proceda á apertura dun dos sobres, o correspondente á documentación acreditativa dos criterios suxeitos a avaliación previa mediante xuízos de valor; un procedemento público no que poderán participar os representantes das empresas interesadas na xestión do complexo xeriátrico. E nos días sucesivos será a quenda da apertura do último sobre que contén as proposicións económicas.
A partir de ahí, -engadiu Villares-; “procederase a analizar detidamente toda a documentación e tentaremos axilizar ao máximo os trámites para que o Centro estea adxudicado a finais do vindeiro mes de febreiro; e en pleno funcionamento a mediados de ano”.
O alcalde quixo agradecer tamén á Xunta de Galicia a inversión feita para a construción e o equipamento do Centro de Día Residencia, que foi de 2.500.000 euros; e apuntou “que é unha gran nova para Cervo a inminente posta en funcionamento deste servizo polo que tanto apostamos dende o Equipo de Goberno; tan necesario para os nosos veciños, e que tamén fundamental para o fomento do emprego, polos novos postos de traballo que se crearán”.
O Centro, de propiedade municipal, contará con 54 prazas de residencia e 25 de centro de día.
Por outra banda, o orzamento de licitación ascende a 2.437.776 euros que se corresponden coa xestión deste Centro de Día Residencia por un período de dous anos. Tal e como apuntou Villares “cremos que é un prazo razoable que nos vai permitir corrixir, se fose o caso, calquera cuestión que consideremos pasado ese tempo; ou incluso prorrogar o contrato á mesma concesionaria”.
En canto aos criterios de licitación, e en resume; vanse avaliar por unha banda os criterios estritamente económicos, con 60 puntos; e outros criterios como a metodoloxía de intervención, o programa de traballo, o proxecto de explotación ou o plan de formación continua aos traballadores, con 40 puntos.

Exit mobile version