A expresión ven a representar que para atallar un gran problema, xeralmente económico, de cotío atácanse aspectos superfluos, con pouca relevancia, e déixanse de lado os importantes.
A expresión popular constitúe unha metáfora gráfica da nova Lei de Reformas Urxentes do Traballo Autónomo que entrou en vigor o 1 de xaneiro deste inaugurado ano 2018.
Co obxecto de abordar cuestións prácticas propoño coller unha medida concreta: a ampliación a un ano da tarifa plana de 50 € para os novos autónomos e o aumento das bonificacións de dita tarifa ata os 24 meses.
O auto emprego foi, e está a ser, en moitos casos, a saída natural á crise económica nun país coa taxa de paro máis alta de occidente. Moitos cidadáns decidiron emprender unha actividade profesional como autónomos, como a única saída a unha situación de ausencia de traballo.
Por todos é coñecido o agravio comparativo destes traballadores con respecto aos países do noso entorno: un marco lexislativo que obstaculiza o emprendemento, unha das cotas de seguridade social comparada máis altas e unha fiscalidade regresiva. Botarse ao mar sen tan sequera divisar a costa.
Por iso veño a opinar que a nova lexislación do traballo autónomo non é outra cousa que o chocolate do loro.
No Madrid do século XVIII un agasallo non era tal se non había unha cunca de chocolate como parte do mesmo. O produto era caro e así, habitualmente, os indianos facían alarde do seu luxo. Moitos deles trouxeran un loro da aventura americana, que mostraban con orgullo no salón da súa casa. O loro, dentro da súa barroca gaiola, tiña un recipiente con chocolate para que picoteara.
Cando algún destes acaudalados ofrecera chocolate por doquier aos seus convidados e a cousa comezaba a decaer economicamente privaba ao animal do capricho, pero seguía ofrecendo o chocolate aos mesmos , xa que en caso contrario quedaría de manifesto a súa penuria.
O autónomo comeza a súa singradura invertendo os seus aforros capitalizados ou buscando financiación; por diante queda un longo proceso de remo no mar do mercado, no que debe ter a pericia suficiente para atraer a atención de terceiros, para logo ser capaz de convertelos en clientes. Finalmente, con sorte, e no mellor dos casos, será capaz de amortizar a inversión inicial e gañar algo de diñeiro que volverá a inverter.
¿De que serve a tarifa plana e o resto de medidas? Chapa e pintura ou unha capa de maquillaxe. Pasado o ano da bonificación de seguridade social, aínda cedo para sacar conclusión algunha, o traballador por conta propia terá que seguir peregrinando polo deserto para ver se ten a sorte de atopar terra fértil.
No peor dos desenlaces fundirase coa súa inversión e terá que acollerse a unha lei de segunda oportunidade que veu á luz no ano 2015, asumindo o estigma de aquel que caeu en combate.
Por iso non pode cortarse unha hemorraxia cunha tirita, por iso mesmo é insuficiente o chocolate do loro.