Site icon Crónica3.com A Mariña

Con Pólvora e Magnolias. Pensando en Reikiavick

Islandia é unha illa, un terruño accidental afastado da case todo, deixado da man de deus.
Servidor nunca tivo a oportunidade de deixarse caer por aló, pero nunca puido deixar de pensar que esa meseta chea de desertos, montañas e glaciares era un lugar máxico.
En Islandia hai pouca xente, non chegan a vivir 340.000 tipos en todo o seu territorio, algunha alma máis das que habitan na cidade de Vigo. Curioso lugar.
Antes de seguir debo recoñecer que sempre sentín fascinación polas illas: espazos afastados, misteriosos, refuxios onde se agochaban tesouros… Nas Cíes hai unha das colonias de gaivotas máis grande do mundo e nas Galápagos as tartarugas xigantes máis vellas do planeta.
Quede claro pois o exotismo e singularidade de ditos lugares e, a propósito do mesmo, viña pensando nunha peculiaridade islandesa: a loita pola igualdade.
No comezo deste inaugurado ano o país das termas e dos géisers amosou novamente a súa diferencia aprobando a lei de igualdade salarial.
¿En que consiste dita lei? Unha das medidas máis salientables ao respecto desta radica na obriga que teñen compañías e empresas de máis de 25 empregados de emitir un certificado de igualdade salarial, un documento polo que acreditan outorgar o mesmo tratamento salarial a homes que a mulleres.
Por tanto, o principio de igualdade que rexe en tódolos sistemas de dereito de mundo, non debe implicar o tratamento homoxéneo a todo tipo de persoas, senón a posibilidade de discriminación positiva en favor dun grupo de xeito lexítimo e razoable.
Desta maneira, e no noso tempo, ninguén vai discutir o encaixe constitucional do principio de igualdade cando se fai unha distinción reservando prazas a xente con minusvalía nunha oposición.
A pesar de que Islandia era considerado en tódolos rankings como o mellor país do mundo en materia de igualdade de xénero, no 2016 as mulleres islandesas percibían uns salarios inferiores aos dos homes entre o 14 e o 16%.
Foi neste contexto no que, tras acadar unha mingua do 88% da brecha en igualdade de xénero, no recen inaugurado ano, deuse un empurrón definitivo en materia de discriminación salarial.
Sendo a igualdade ante a lei e a non discriminación un dereito fundamental recoñecido no art. 14 da constitución española, debe comezarse a discutir en que medida se fai efectivo o mesmo.
Neste senso non debéramos chamarnos a engano, a lei non nos obriga por estar escrita, senón por ser froito da nosa vontade. Reikiavick segue a quedar moi lonxe pero a súa luz serve de faro.

Exit mobile version