Site icon Crónica3.com A Mariña

Con Pólvora e Magnolias. ¿Que lles quedará aos nosos fillos?

O diñeiro non dá a felicidade, pero axuda, sen el non se pode vivir.
O diñeiro non cae do ceo, é froito do traballo duro, do aforro e da inversión.
Hai dúas cousas inevitables nesta vida: a morte e os impostos.
No Chicago da Gran Depresión, Al Capone, o creador do Sindicato do Crime, o rei do Hampa, foi sentenciado a 11 anos de cárcere en Alcatraz, entre outros cargos, por evasión fiscal.
Ven a tratar este artigo de opinión o tema das herdanzas e sucesións na comunidade galega. Por iso mesmo foi preciso chegar a este punto recurrindo a certos tópicos.
E é que hai cuestións que non son tan só tópicas, senón que definen a idiosincrasia dun pobo.
A morte na cultura popular galega é unha delas, xa dicía Vicente Risco que na Galicia rural o pasamento era o tránsito deica unha nova andaina, o comezo dunha nova viaxe cara outra vida. Poida que, por iso mesmo, na terriña ata o máis pobre tivo algo que deixar.
O traballo duro, non cualificado, en sectores primarios pouco remunerados, foi o denominador común dos nosos devanceiros; iso e o aforro daqueles que case non podían aforrar. Valores culturais.
A herdanza podería ser outro deses iconos representativos da nosa cultura, na terriña é un agravio non deixar nada para os que quedan. E aí xorden os dilemas, ¿como pode deixar quen pouco ten?
Comezouse a discutir xa hai tempo da inxustiza que conleva pagar o imposto de sucesións: o que traballou, aforrou e pagou en vida por ter una propiedade, obriga aos seus herdeiros a pagar, unha vez morto, por adquirila. Obrigas constantes no mellor dos casos, situacións inasumibles no peor deles.
O 1 de xaneiro do 2016 entrou en vigor a Lei 13/2015 que modificaba o imposto de sucesións. O goberno da Xunta anunciaba a bombo e platillo a exención da meirande parte dos cidadáns do pago de dito tributo. A decisión foi aplaudida e vitoreada como unha conquista.
O aumento de 125.000 ata 400.000 euros de redución por herdeiro directo era considerado como un logro da xestión política e económica.
Ao marxe de que a rebaixa da presión fiscal sobre as sucesións foi acompañada de subidas xeralizadas de impostos (IRPF, IVA, IBI, Tabaco…) afixémonos tanto á técnica do azoute que cando deixaron de fustigarnos dimos as grazas.
O imposto de sucesións é aquel que grava todos aqueles bens polos que xa pagamos en vida, a forma máis eficaz de cederlle á administración o dereito de pernada sobre aquelo que gardamos para os nosos fillos.

Exit mobile version