Site icon Crónica3.com A Mariña

Deputación e Concello de Burela ofrecen atención profesional diaria a 36 veciños con discapacidade intelectual a través da Fundación Eu Son

DSC_0130Lugo, 23 de xaneiro de 2018. A Deputada de Benestar e Igualdade, Sonsoles López Izquierdo, o Alcalde de Burela, Alfredo Llano García, e a Concelleira de Benestar, Patricia Otero Rodríguez, mantiveron este martes un encontro con usuarios da Fundación Eu Son (Fundación para a Protección de Persoas con Discapacidade Intelectual). Fixérono para coñecer in situ os resultados das varias colaboracións que Deputación e Concello manteñen con este colectivo. Estas permiten ofrecer atención diaria a 36 veciños da Mariña con discapacidade intelectual a través de 10 profesionais contratados para a prestación dos seus servizos no centro de día e no centro ocupacional que xestiona dita fundación.

Os centros de día e ocupacional sitúanse en dúas instalacións municipais que mantén cedidas, gratuitamente, o Concello de Burela á Fundación. A maiores, o Goberno Local decidiu asumir os custos correntes destes centros, como os do servizo de limpeza, electricidade, auga… O Executivo Provincial tamén acordou sumarse nesta última tarefa, financiando máis gastos imprescindibles para o funcionamento dos centros e, polo tanto, para a atención dos seus usuarios. Tamén leva actividades saudables para os usuarios de ambos os dous centros, asumindo todos os custos das mesmas.

López Izquierdo destacou que “Deputación e Concello sumamos esforzos coa Fundación Eu Son co obxectivo de ofrecer un servizo fundamental para ducias de familias da Mariña, que non ofrecen as institucións coas competencias directas na materia. Conxuntamente, facemos posible que 36 veciños da Mariña con discapacidade intelectual reciban a atención diaria profesional e especializada que requiren dentro da nosa aposta conxunta dende estes dous gobernos provincial e municipal por facer que institucións, como a Deputación e do Concello, estean sempre coas persoas e sexan sumamente sociais”. Llano García agradeceu a colaboración do Goberno da Deputación e explicou que “dende o Concello de Burela vimos traballando dende hai anos coa Fundación Eu Son e outros colectivos sociais do municipio para dar resposta ás demandas e necesidades dos nosos veciños, que é a prioridade dos Executivos do Concello e da Deputación”.

Servizos
Grazas ás colaboracións de Deputación e Concello, nas instalacións de Centro de Día a Fundación para a Protección de Persoas con Discapacidade Intelectual pode atender actualmente a 8 persoas. A axuda de ambas as dúas institucións permite que neste centro se desenvolvan terapias ocupacionais para que os usuarios melloren a súa independencia e psicomotricidade; logopedia para o progreso na comunicación e linguaxe; fisioterapia para a rehabilitación física e neurolóxica; así como actividades que melloren a súas habilidades cognitivas, como de orientación, memoria ou atención; ademais de habilidades motrices como a coordinación e os movementos. As colaboracións do gobernos provincial e municipal, permiten ademais á Fundación prestar no Centro Ocupacional atención profesional e especializada a 28 persoas con discapacidade intelectual da Mariña. Nestas instalacións, realízanse programas de formación laboral, como obradoiros de cerámica, pesca, tampografía e horticultura. As axudas de Deputación e Concello tamén contribúen a que este colectivo conte con áreas de traballo comúns para o Centro de Día e o Centro Ocupacional onde se desenvolven máis actividades: clases de natación, animación, xogos deportivos, psicomotricidade, cardio, obras de teatro ou musicais… Outro exemplo destas, son as 2 horas semanais de exercicios de estimulación física que leva e financia o Goberno da Deputación, asumindo os custos do profesional que as imparte.

Atención a veciños de toda a Mariña
A Fundación para a Protección de Persoas con Discapacidade Intelectual naceu en 1997 da unión do Concello de Burela e a Asociación de pais Camiña debido á carencia dun servizo que atendera profesionalmente a persoas con discapacidade intelectual na Mariña. Actualmente o colectivo atende a 36 persoas nos seus 2 centros especializados na Mariña: no Centro de Día atende a 8 persoas e no Centro Ocupacional a 28. Hoxe conta con usuarios de Alfoz, O Valadouro, Mondoñedo, Lourenzá, Foz, Barreiros, Ribadeo, Xove, Cervo e Burela. A Fundación Eu Son ten no seu persoal a unha psicóloga, un profesor de taller, un mestre de educación, un monitor deportivo, un de ocio e tempo libre, unha mestra de audición e linguaxe, unha educadora social, un terapeuta ocupacional e 2 coidadoras.

Exit mobile version