Site icon Crónica3.com A Mariña

No Concello de Burela foron presentadas as II Xornadas de defensa persoal e protección contra a violencia de xénero, que se celebrarán en febreiro. A inscrición está aberta

160118 Foto defensa persoal 2Burela, 16 de xaneiro de 2018. Este martes tivo lugar a presentación das II Xornadas de Defensa Persoal e Protección contra a Violencia de Xénero, que se celebrarán en febreiro en Burela. Están organizadas pola Concellería de Igualdade en colaboración con Miguel Ángel Rojo Darriba, que será o encargado de impartir este taller.
Estas xornadas levaranse a cabo tódolos mércores do vindeiro mes de febreiro. Serán os días 7, 14, 21 e 28 en horario de 20:30 a 21:30 horas, no local sito na Rúa Rosalía de Castro nº44, baixo, galería porta 2, en Burela.
Patricia Otero subliñou hai uns días que “nestas xornadas poderán participar as mulleres empadroadas en Burela, que previamente se anoten no Centro de Información ás Mulleres, sito na Casa do Concello, en horario de 8:00 a 15:00 horas, de luns a venres. A inscrición abriuse onte”.
A actividade é totalmente gratuíta para as mulleres de Burela, sendo sufragada integramente pola Concellería de Igualdade.
Otero manifestou que “a defensa persoal está enfocada a mulleres de todas as idades e complexións, de feito a condición e a forza física non ten por qué ser a máis próxima á dunha persoa deportista e cunha boa forma física. Do mesmo xeito, hai que ter claro e ter en conta as recomendacións das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e que sexa o enfrontamento ante unha agresión o último dos recursos que teñamos que utilizar. Sempre será mellor fuxir ante unha situación violenta que tratar de comprobar se realmente somos capaces de reducir ou non o noso agresor”.
O taller será impartido polo Mestre de Artes Marciais Miguel Ángel Rojo, que conta cun amplo currículo no eido da defensa persoal e con méritos e cargos como Director Autonómico de Nihon Taijitsu (Defensa Persoal) da Federación Galega de Karate e Da, Profesor da Federación Galega de Kárate, nos cursos para a obtención do diploma de especialista en Defensa Persoal, Cinturón Negro 4º Dan Nihon Taijitsu FMNT, Cinturán 4ºDan Nihon Ju Jutsu FMNT.

Exit mobile version