Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Cervo anuncia que calquera persoa emprendedora e cun proxecto que contribúa a dinamizar Sargadelos poderá optar aos locais habilitados no antigo edificio das cabalerizas

Xornada portas abertas Centro ArtesaníaCervo, 30 de xaneiro.- O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, informou de que “calquera persoa emprendedora e que coa súa actividade contribúa a dinamizar o Conxunto Histórico Artístico de Sargadelos poderá optar aos locais que temos habilitados no antigo edificio das Cabalerizas”.
O rexedor fixo este anuncio, logo de constatar que hai interese real por parte doutros sectores en formar parte deste proxecto municipal “e que cremos que poden encaixar á perfección na contorna”.
A día de hoxe, rematado xa o prazo para presentar propostas, hai un artesán da rama alimentaria que cumpre os requisitos e que se instalará nun dos 6 habitáculos en datas próximas.
Villares sinalou que, dadas as circunstancias e o interese real por parte doutros sectores, “xa estamos a traballar na redacción dun novo prego máis flexible, partindo da base de que seguirán a ter prioridade os artesáns”.
Tamén apuntou que, ademais dos 5 locais aínda sen adxudicar, “tamén sacaremos a concurso un espazo exterior anexo ao Edificio das Cabalerizas, que cremos que pode ser un complemento importante a todo este recinto”.
Así mesmo, o alcalde recordou que cada local terá un canon anual medio, cumprindo a normativa, que vai dende os 1400 aos 2200 euros, en función das cartacterísticas do mesmo. Pero recordou que nos propios pregos se recollerá que o Concello vai “establecer bonificacións de ata o 90%; polo que os emprendedores que se instalen no Conxunto Histórico terían que facer fronte a unha taxa anual duns 200 euros de media, para desenvolver a súa actividade nun destes locais; unha cantidade que consideramos que é simbólica “porque a nosa intención é echer de vida o Conxunto Histórico Artístico”.
Villares sinalou que os locais teñen unha superficie útil que vai dende os 47 aos 70 m2 e que a obra contou con orzamento de 120.000 euros, procedentes da Xunta de Galicia e do propio Concello, “destinados integramente á posta en marcha dun centro vivo que agardamos, entre todos, convertir en referente na Comarca”.

Exit mobile version