Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Cervo cambia eucaliptos por especies autóctonas nunha parcela municipal de 20 hectáreas

260118 comezo xeración bosque autóctonoCervo, 26 de xaneiro de 2018.- O Concello de Cervo, dentro da política medio ambiental que promove dende vai anos, está a eliminar o eucaliptal da finca municipal do Polígono de Cuíña, para plantar nese espazo especies autóctonas como castiñeiros, carballos e outras árbores frondosas.

O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, e a edil de Medio Ambiente, Manuela Méndez, estiveron supervisando os traballos de roza e limpeza que marcan o inicio da creación dun bosque autóctono nun lugar que está preto do casco urbano de San Ciprián; “e que pretendemos que poida servir de modelo para divulgar tamén entre os máis novos as vantaxes da recuperación dos bosques típicos galegos; tanto pola compoñente turística, como pola vertente produtiva; xa que estas fincas replantadas con árbores do país, como os castiñeiros ou as nogueiras, poden ser un recurso importante para reforzar as economías familiares a medio prazo”.

Tal e como recordou Villares, “estamos a facer unha política integral de reforestación en todas as nosas parcelas con previsión de futuro, e tamén en colaboración coas Comunidades de Montes, co obxectivo de que eses bosques sexan unha herdanza para os nosos fillos; polo gran valor patrimonial que teñen, e tamén por ese valor produtivo; co fin de que podan replantearse a vida no campo co aproveitamento do froito que dan esas árbores ano tras ano”.

Exit mobile version