Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Cervo está a mediar cos profesionais do sector para tentar lograr un equilibrio no prezo do ourizo que favoreza a todos os actores implicados na festa de interese turístico

20170318_130925Cervo, 31 de xaneiro de 2018.- O Concello de Cervo está a mediar cos profesionais do sector do ourizo co fin de, entre todos, tentar lograr un equilibrio no prezo do Ourizo, que favoreza a todos os actores implicados nesta festa gastronómica, declarada de Interese Turístico Galego, e que este ano se celebrará o sábado, 17 de marzo.

Así o comunicou a edil de Turismo, Manuela Méndez, quen mantivo un encontro cos hostaleiros de San Ciprián no que se abordou a cotización actual do equinodermo, e está en conversas cos mariscadores “para ver que posibilidades hai de axustar o prezo sempre que todos, hostaleiros, profesionais do sector, e a propia Festa do Ourizo, saian beneficiados e reforzados”; sabedores, claro está “de que estamos a falar dun produto de gran calidade, delicatessen e de lenta reprodución polo que, consecuentemente, “o seu valor no mercado ten que ser alto”.

Méndez sinalou que se trata dun manxar moi apreciado por veciños e visitantes; “á vista está, porque son centos as persoas que nos visitan edición tras edición, para degustar un produto” que, en boa parte tamén grazas a esta Festa, foi gañando o recoñecemento que merece “pero a calidade está claro que ten un prezo; e os que se achegan ese día ata San Ciprián saben que van saborear unha exquisitez do noso mar, en múltiples especialidades grazas ao bo facer dos nosos hostaleiros”.

A edil apuntou que o obxectivo que pretende o Concello de Cervo coa organización desta e doutras moitas Festas que se celebran ao longo de ano, non é outro que o de dinamizar a nosa vila, atraer visitantes, que nos coñezan e que saiban do excelente xénero que, neste caso, teñen a posibilidade de degustar en San Ciprián; para elo, e seguindo esa liña marcada, surtimos de produto cada ano a unha asociación sen ánimo de lucro do Concello para que se encargue de elaborar as racións de ourizo na carpa, cun único fin “que ese beneficio reverta no noso pobo no seu conxunto; porque ao longo do ano estas entidades organizan múltiples actividades das que, en definitiva, nos nutrimos todos”.

Exit mobile version