Site icon Crónica3.com A Mariña

O Goberno da Deputación aclara que non se está a privatizar o servizo dos catamaráns

Lugo, 29 de xaneiro de 2018. O Deputado de Turismo, Eduardo Vidal Baamonde, aclarou este luns que non se está a privatizar o servizo dos catamaráns, pois a xestión e o control das rutas fluviais seguen en mans públicas da Deputación, que seguirá a fixar os prezos dos tíckets e a recibir os fondos recadados pola súa venda; e que o que se aprobou foi un contrato de servizo aberto a todos os interesados, non unha concesión do mesmo, para o funcionamento dos catamaráns baixo unha rigorosa supervisión pública do organismo provincial. Este contrato de servizos permitirá incluír novas prestacións, como rutas ás bodegas, e ampliar o prazo do funcionamento dos catamarán ata a Ponte da Constitución e dende a Semana Santa.

Vidal Baamonde explicou:

1.- Dende a súa posta e ata o ano pasado, o funcionamento das rutas fluviais levouse a cabo dende SUPLUSA, pois a Deputación facíalle unha encomenda de xestión e transferíalle os fondos necesarios. O ano pasado, PP e BNG votaron en contra desta encomenda de xestión. O BNG fíxoo porque se negaba a abrir un novo proceso de selección do persoal. O PP aproveitou esta situación para única e exclusivamente para bloquear a posta en marcha deste servizo. Co obxectivo de pór en marcha os catamaráns en Semana Santa, tal e como estaba previsto, e tendo en conta o elevado número de reservas que xa había, o Goberno da Deputación buscou a solución legal máis inmediata, tendo en conta que só restaba 1 mes para a apertura deste servizo. Esta consistiu nun convenio de colaboración con TRAGSA para que esta entidade asumise o funcionamento dos catamaráns. Este ano, tendo en conta que hai máis tempo, a Deputación aprobou un contrato de servizo para que todas as entidades interesadas poidan presentar as súas ofertas e optar á prestación deste servizo. Polo tanto, a xestión deste servizo segue a ser pública e o funcionamento dos catamaráns segue a facerse a través doutra entidade co control da Deputación.

2.- O Goberno da Deputación traballa e sempre traballou pola mellora deste servizo. Deste xeito, no contrato de servizo para o seu funcionamento, publicado no Perfil do Contratante ao acceso de todos os interesados, incluíu cláusulas sociais para valorar positivamente as ofertas das entidades con traballadores con contratos indefinidos ou de persoas con capacidades diferentes; ademais de criterios para priorizar as ofertas das entidades que ofrezan melloras como, por exemplo, rutas ás bodegas.

3.- Dende que o actual Goberno da Deputación asumiu a xestión das rutas fluviais, o número de viaxeiros aumentou nun 35%, superando os 40.700. Todo isto, tras as melloras levadas a cabo como a renovación dunha Central de Reservas que funciona as 24 horas, a apertura dunha oficina de turismo en Doade con profesionais que informar sobre a riqueza da Ribeira Sacra ou a mellora das propias embarcacións, entre outras.

4.- O Goberno da Deputación destina só ao funcionamento dos catamaráns uns 700.000 euros, antepoñendo o beneficio que este servizo supón para a Ribeira Sacra (profesionais da hostalería, turismo, comercio ou Concellos, entre outros), pois esta prestación xera déficit, é dicir, os custos do mantemento das Rutas Fluviais son moito máis elevados que os fondos que recibe a Deputación pola venda dos tíckets.

Criterios de avaliación e cláusulas sociais
O Goberno da Deputación establece unha serie de criterios e cláusulas sociais que as empresas deberán cumprir para poder optar ao contrato do servizo de funcionamento co fin de garantir a calidade e eficacia do mesmo. Entre elas atópanse as seguintes:

– A presentación dun proxecto técnico, entendendo por tal o desenvolvemento dun manual de procedementos básicos e boas prácticas, que inclúa a descrición do funcionamento do servizo de rutas fluviais. Valorarase a redacción por escrito dos procedementos e das tarefas a desenvolver; a descrición dos criterios de calidade a aplicar no servizo e no desenvolvemento que se realice no relativo aos protocolos de atención ao público, mantemento e seguridade.

– A presentación dun proxecto de melloras mediante o posible uso de recursos humanos e/ou materiais que incidan positivamente no servizo e a atención ao viaxeiro durante as travesías, así como de actividades complementarias a desenvolver pola empresa a bordo ou no embarcadoiro que fagan máis atractivas as rutas e impulsen a promoción dos recursos do destino. Neste senso, valorarase: o grao de orixinalidade do proxecto, a viabilidade do proxecto de acordo coas características do servizo, adecuación do proxecto ás características e idiosincrasia do territorio, os medios persoais e materias achegados á prestación dos servizos por enriba dos fixados, así como a presentación dunha proposta de captación de usuarios que contribúa a incrementar o número de viaxeiros das rutas fluviais fóra dos meses centrais do verán (xullo, agosto e setembro).

O Executivo inclúe cláusulas sociais na concesión do servizo pois, no caso de empate terán preferencia na adxudicación do contrato aquelas empresas que teñan no seu equipo un número de traballadores con discapacidade superior ao 2%. Se varias empresas licitadoras das que tivesen empatado en canto á proposición máis vantaxosa acreditasen ter relación laboral con persoas con discapacidade, nun porcentaxe superior ao 2%, terá preferencia na adxudicación do contrato ao licitador que dispoña de maior porcentaxe de traballadores fixos con discapacidade no seu equipo. No caso en que persistise o empate, decidirase por sorteo.

Exit mobile version