“Con estas actuacións, levamos achegado, no último ano e medio, case 2,9 millóns de euros á mellora de infraestruturas deportivas. Así, só na modalidade de fútbol xa actuamos en 14 campos da provincia. Somos a administración galega que, sen dúbida, máis inviste en deporte na nosa provincia, a pesar de non ser a institución coas competencias directas na materia, nin, moito menos, a de máis fondos públicos, pois esta é, en todos os casos, a Xunta de Galicia”, destacou.
O Presidente explicou, que “nestas instalacións, que están cedidas polo Colexio Martínez Otero ao C.F. Foz, adestran máis de 300 rapaces das categorías de infantil, cadetes, xuvenís e sénior, ademais dos alumnos das Escolas Deportivas da vila e os do propio Colexio”. Lembrou que “este novo equipamento é unha demanda dos colectivos que usan estas instalacións a cotío”.
Axudas de 223.000 euros para actividades deportivas en Foz
O Presidente remarcou que “con esta nova inversión de 100.000 euros, dende o Executivo Provincial xa temos achegado un total de 223.000 euros ao Concello de Foz para promover a práctica deportiva neste municipio. Así, levamos a cabo en solitario, cunha inversión de 100.000 euros, o proxecto de construción do novo hangar de piraguas, que xa se atopa a pleno rendemento. Ademais, colaboramos cos diferentes clubs da vila con 14.000 euros, e promovemos actividades e eventos deportivos no municipio con 9.000 euros”.
O Goberno da Deputación, a través das axudas dirixidas a clubs deportivos da provincia, achegou 14.000 euros ao Club Kayak, o CD Foz, o Club Ciclista Foz, a Asociación Deportiva Santiago de Foz, o Club de Tenis, e o Club de Baloncesto Celtas de Foz. Ademais, na liña dirixida á organización de eventos, o Executivo concedeu 5.000 euros ás entidades deportivas da localidade para a organización do Torneo Costa Nova de fútbol, a 6ª regata da Copa Deputación de piragüismo, un curso de iniciación á pesca, a Carreira Popular de Foz, a Ruta BTT Pico da Lebre, a carreira popular 77 Anos Martínez Otero, e o Torneo Vila de Foz de tenis e pádel.
Finalmente, o Executivo colaborou co Concello na organización das noites alternativas deportivas, cunha achega de 4.000 euros, que inclúen a celebración de torneos de fútbol sala, fútbol praia, kayak e a noite do patín.