Site icon Crónica3.com A Mariña

O Observatorio da Mariña pola Igualdade inicia a campaña #NomearmosEnLila

imageA Mariña 28-1-18. Despois de ser coñecedoras no mes de novembro do proxecto de cambio de nome do CEIP Antonio Pedrosa Latas de Celeiro e do nacemento doutras iniciativas de cambio de nome de centros escolares da Mariña, desenvolvimos accións para pular porque os novos nomes escollidos foran nomes de muller.
A partir deste momento dámos continuidade a estas accións por medio da campaña #NomearmosEnLila. Buscamos con ela corrixir o desequilibrio actual na escolla de nomes femininos e masculinos en edificios, rueiros, asociacións, fundacións ou centros escolares. Entendemos que é de xustiza visibilizar a participación das mulleres na sociedade da que formamos parte.
Nunha primeira fase desta campaña centrámonos no ámbito educativo, pois pensamos que a escolla de nomes femininos para os centros servirá de referente e modelo para as rapazas e rapaces que estudan no centro e tamén para toda a comunidade da contorna. A visibilización das mulleres e das nosas aportacións á sociedade é algo prioritario e de xustiza no ámbito da educación, non só analizando o valor coeducativo da iniciativa, senón tamén porque a educación foi e é un terreo intensamente feminizado.
Na Mariña, entre 46 centros públicos, tan só contamos cun centro con nome de muller: O IES María Sarmiento de Viveiro. Por este motivo dirixímonos a varios centros educativos mariñáns para solicitarlles que realicen un cambio de nome dos mesmos.
Centrámonos nesta acción naqueles centros públicos que levan por nome a localidade na que se ubican, nos centros que teñen un nome relixioso, nos centros co engadido “Número 1”, nas Escolas Municipais de Música e nas dúas Escolas Oficiais de Idiomas da Mariña. É de destacar que ningunha Escola Oficial de Idiomas de Galiza ten unha denominación específica máis alá da localidade na que se ubica, malia que o Decreto que establece o Regulamento das EOI si permite denominacións específicas. No caso dos centros que desexen manter o nome da localidade, propuxémoslles que o nome feminino vaia a continuación do topónimo.
Tamén nos puxemos en contacto coas persoas responsables dos departamentos de igualdade e de educación dos Concellos nos que se ubican estes centros, pois incidimos na importancia de que as institucións exerzan dun modo proactivo as medidas que guíen á xente moza nos camiños da igualdade real entre mulleres e homes.

Exit mobile version