Site icon Crónica3.com A Mariña

O orzamento municipal do Concello de Burela para este ano ascenderá a 7.115.000 euros. Aumentan as partidas destinadas a gasto social, políticas de emprego e investimentos

Burela, 29 de xaneiro de 2018. O orzamento municipal do Concello burelés para 2018 ascenderá a 7.115.000 euros. O presuposto someterase a aprobación no pleno ordinario que se celebrará este xoves, 1 de febreiro.
O alcalde, Alfredo Llano, explicou esta tarde que “o próximo xoves, día 1, vamos ter o pleno ordinario, que é fundamental para dous puntos: un deles é o plan normativo, que hai que aprobar todos os anos e refírese ao que se vai facer con respecto á aplicación de normas autonómicas, estatais e locais”.
O rexedor subliñou que “outro punto importante é o dos orzamentos, que se van incrementar nuns 57.000 euros respecto aos do ano pasado, que roldaban os 7.058.000 euros e ese ano serán de 7.115.000 euros. Pensamos que é unha boa noticia para Burela, dado que fixemos a revisión catastral, o cal reduciu a achega de impostos directos a través do IBI ao Concello de Burela; é bo reducir os impostos que se cobran aos veciños. Pero hai un incremento derivado de taxas, de prezos públicos, de impostos, de achegas do Estado e da autonomía, que se incrementan un pouco e polo tanto chegamos a eses 7.115.000 euros. Tamén está a boa xestión no gasto, porque agora temos un superávit de aproximadamente 35.000 euros, o cal indica que se están facendo ben as cousas”.
Llano declarou que “non se fixo un aumento de impostos, senón que se conxelaron todos menos aqueles nos que por lei houbo que aplicar o incremento do IPC anual. Polo tanto mantéñense os mesmos importes para as taxas, impostos e prezos públicos que había o ano pasado, o que tamén é unha boa noticia para todos. Tamén imos manter as subvencións ás asociacións e incluso se incrementarán un pouco, para o seu funcionamento. O importe total desta partida é de 171.000 euros”.
O alcalde de Burela engadiu que “ademais aumentamos o gasto social e tamén o das accións para promover o emprego. E para investimentos contémplase unha boa cantidade de cartos, o que vai dar lugar a que a final de ano vexamos moi incrementado o capítulo de investimentos reais, que é algo que indica que é un bo orzamento para un concello”.
Llano insistiu en que “é un orzamento que se incrementa respecto ao ano pasado, que é unha boa noticia, e que cumpre todos os requisitos de control do gasto, da eficacia e da estabilidade orzamentaria. Ademais pensamos que vai cubrir ben os gastos correntes que hai durante todo o ano no Concello de Burela e vainos permitir facer moitas actividades e tamén obras”.

Exit mobile version