Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP reclama ao Alcalde de Ribadeo que tome medidas urxentes ante o estado ruinoso no que se atopa a Torre dos Moreno, o edificio máis emblemático da vila e no que o Concello ten parte da propiedade

Ribadeo, 17 de xaneiro de 2018. O Partido Popular reclama ao alcalde de Ribadeo que tome medidas urxentes ante o estado ruinoso no que se atopa a Torre dos Moreno, o edificio máis emblemático da vila e no que o Concello ten parte da propiedade.
O voceiro do PP ribadense, Jesús López Penabad, manifestou que “estes días pasados o alcalde recordou que o prazo para solicitar as subvencións do ARI para rehabilitar inmobles nos cascos antigos de Ribadeo e Rinlo acaba o día 29 deste mes porque ninguén as pediu. Son ata 15.000 euros por subvención e este é outro exemplo do que tanto a Xunta de Galicia como o Goberno de España, neste caso, aporta para Ribadeo. O Concello axuda eliminando algunha taxa, pero o presuposto desas subvencións é aportado pola Xunta de Galicia e o goberno do Estado. E o alcalde di tamén que se están mellorando os cascos antigos de Rinlo e de Ribadeo, sobre todo, e cando os propietarios dos inmobles non se fan cargo da súa restauración incluso chega a impoñer sancións para que os rehabiliten e dean unha imaxe dun Ribadeo histórico e bonito”.
Jesús López Penabad engade que “en cambio o alcalde esquécese do edificio máis emblemático de Ribadeo e ao que todos os turistas lle fan fotos, a Torre dos Moreno, porque é un exemplo do abandono total. Sabemos que se actuou cun gran investimento na estabilidade do edificio, pero como están as vidreiras?, hai perigo de derrube? Hai pouco tempo tiveron que cambiar o valado que protexe o inmoble porque estaba tamén nunha situación lamentable. Cremos que como edificio emblemático e no que o Concello ten parte da propiedade, máis do 20 por cento, deberían tomarse medidas porque se esa é a imaxe que pretendemos dar de Ribadeo é bastante mala. Polo tanto está ben esixirlles a todos os propietarios de inmobles, pero o alcalde debería aplicar a mesma vara de medir para a Torre dos Moreno”.
O portavoz do PP en Ribadeo rematou comentando que o alcalde e a concelleira de Turismo van á feira FITUR, que se celebra en Madrid, polo que espera “que esa viaxe sexa de proveito e frutífera para Ribadeo e para os ribadenses”.

Exit mobile version