Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP só pode presumir na Mariña do que fai o PSOE polos 80.000 veciños da Comarca

A Mariña, 4 de xaneiro de 2018.- “O PP só pode presumir na Mariña do que fixo o PSOE no 2017 polos 80.000 veciños desta Comarca dende o Goberno da Deputación porque non quere ou non pode falar do que fixo dende o Executivo da Xunta, impoñendo aos mariñás un hospital e un transporte público de beneficencia ou negándolles os seus fondos públicos na administración autonómica para servizos ou necesidades”. Así o salientaron este xoves o Secretario Xeral do PSOE na Provincia de Lugo, Álvaro Santos Ramos, a Coordinadora da Executiva Provincial Socialista coa Comarca da Mariña, Rocío López, e o Deputado Autonómico do PSOE pola Provincia de Lugo, Luis Álvarez, tras facer balance das actuacións levadas a cabo na pasada anualidade na Costa dende a Deputación de Lugo e a Xunta de Galicia.

Os socialistas apuntaron algunhas das iniciativas levadas a cabo na Mariña durante o 2017 polo Partido Popular dende a Xunta de Galicia e destacaron:

“O PP impuxo un anteproxecto de reforma da Lei de Saúde pola porta de atrás, pois fixérono sen consenso algún e en pleno mes de agosto, que suprime a área sanitaria da Mariña e fai que o Hospital da Costa se quede sen capacidade de xestión en asistencia primaria e especializada ou sobre os seus recursos humanos, económicos, prestacións….

“O Partido Popular ofrece aos máis de 72.000 mariñás, cuxo hospital de referencia é o da Costa, un hospital de beneficencia, no que xa agardan ata 1 ano por unha consulta de cardioloxía ou no que non teñen servizo de xeriatría. Con esta imposición, os mariñáns tardarán máis en ser atendidos pola sanidade pública en Burela ou Lugo, a onde tamén terán que desprazarse os propios profesionais para atender a máis xente cos mesmos recursos. O Partido Popular obriga aos veciños á acudir á sanidade privada, á que claramente favorece.

8 euros polo aloxamento e 5 pola comida
“Outro claro exemplo do modelo de sanidade de beneficencia do PP, que tamén coñecemos no 2017, é ofrecer aos mariñás que se desprazan a Lugo para recibir o seu tratamento de radioterapia que paguen 8 euros polo aloxamento e 5 euros pola comida. Isto pode ser unha cuestión de excepcionalidade, pero nunca debería ser o modelo instaurado ou a solución que se ofreza dende unha sanidade pública á que todos os cidadáns temos dereito. Este modelo de beneficencia é o que xa hai tempo defendía Feijóo, cando dicía que os cidadáns deberían pagar a comida durante a súa hospitalización porque este non é un servizo sanitario… Non deberíamos sorprendernos de todo isto cando a única iniciativa no 2017 do Partido Popular, con respecto á sanidade pública e a maiores do desmantelamento dos hospitais comarcais, foi cambiar o nome do Hospital da Costa por Hospital Público da Mariña”.

Desmantelamentos do Transporte Público Metropolitano
“Tamén ofreceron aos mariñás no 2017 un transporte público de beneficencia, impoñendo un novo plan que suprime liñas de autobuses en todos os Concellos en claro detrimento dos veciños. Por exemplo, non temos a liña de Viveiro á Coruña que empregaban a diario veciños de Burela, Foz… ou a que empregan os veciños de Ourol para ir ao centro de saúde, tendo agora que coller o autobús escolar e comer en Viveiro porque teñen que agardar que saían os rapaces do colexio para volver ás súas casas na mesma liña. E todo para ir ao seu centro de saúde”.

Sen infraestruturas
“A Mariña segue a ser a Comarca incomunicada, a que peores infraestruturas viarias ten, estando dividida á metade. Seguimos sen o Corredor da Costa. O PP nada fixo tampouco no 2017 e segue a prolongar a existencia desta imprescindible infraestrutura para máis alá do 2020”. “Tamén decidiu recortar en 700.000 euros o presuposto que os Concellos da Mariña reciben a través do PEIM, o único Plan da Xunta que garante investimento algún para todos os municipios dirixido á mellora de camiños locais”.

Couza guatemalteca e vespa velutina
“O PP tampouco quere falar da súa nefasta xestión ante a praga da couza guatemalteca que supuxo á prohibición da plantación de patacas por non pór en marcha medidas para combatela co seu correspondente presuposto; ou da vespa velutina sobre a que os populares botan balóns fóra, non poñen medios para combatela dende a Xunta, deixan sos aos Concellos e aos GES, e poñen en risco a produción de mel nun momento de crecemento comercial”.

Os únicos investimentos na Mariña foron os do Goberno do PSOE na Deputación
“Os únicos investimentos que recibiu a Mariña no 2017 foron os que levou o Goberno do PSOE na Deputación a través dun orzamento que aprobamos os socialistas en solitario. Isto permitiunos levar aos 16 Concellos da Comarca máis de 11 millóns de euros en impulso do emprego, do benestar, das infraestruturas e das dotacións públicas na procura de mellorar a calidade de vida dos veciños da Mariña”.

E é que o Executivo do PSOE achegou a todos os municipios da Mariña un total de 8 millóns de euros para mellorar estradas, saneamentos, traídas de auga, alumeados públicos, accesos rurais….; 2 millóns que permitiron xerar uns 150 novos empregos na Comarca; máis de 600.000 euros para atender a un milleiros de maiores a través do servizo a domicilio a non dependente e da teleasistencia gratuíta; e case 1 millón que contribuíron á celebración de punteiras citas turísticas, actividades culturais ou eventos deportivos.

Exit mobile version