Site icon Crónica3.com A Mariña

Ollomao inicia en Cangas de Foz a xira da súa obra “Enciclopedia Álvarez”

thumb_DSCF8623_1024_previewBarreiros 11-1-18. O Centro Social Os Castros de Cangas de Foz vai ser, este domingo ás sete da tarde, o punto de arranque dun periplo que vai levar ao grupo barreirense a Foz, Betanzos, Ribadeo, Vegadeo Trabada ou Rinlo nos vindeiros meses.
Tralo éxito acadado no certame laurentino (catro nominacións e premios ao mellor actor protagonista e mellor obra), son moitas as localidades que queren desfrutar desta representación, polo que non sería nada raro que o listado de actuacións se incrementase nos vindeiros días. Ademais a obra foi seleccionada para participar no IX Encontro de teatro afeccionado de Betanzos e nos XXI Encuentros teatrales IES Elisa y Luis VIllamil: memorial Félix Menéndez de Vegadeo.
Esta nova produción de Ollomao procura ser unha pequena mostra do que era o sistema educativo durante a etapa franquista, contado dende o prisma daquelas e aqueles adultos nos tempos de hoxe e a inocencia de cando eran aínda pupilos. Un retorno á aula das nenas e á aula dos nenos, que ofrece un momento divertido á persoa espectadora mais convida tamén á reflexión sobre o feminismo, a lingua, a autoridade ou a relixión. En palabras dalgunhas críticas “fai pensar, aínda que sexa chorando de risa”. Unha historia contada con humor, porque desde o humor é máis agradable exercer a sempre necesaria memoria histórica. Unha historia que nos axuda a comprender o absurdo dun sistema educativo autoritario e irracional. Un absurdo incrementado polo paso do tempo, pero que durante máis de corenta anos foi un dogma imposto pola forza.
“Enciclopedia Álvarez” é a cuarta peza do Grupo de Teatro Ollomao para escenario, que se estreou no ano 2013 coa superprodución “Os vellos non deben de namorarse” que en 12 representacións superou as 3.000 persoas espectadoras. Ademais, Ollomao innovou co “Teatro nos bares”, actividade da cal se levaron a cabo xa 2 edicións. A peza recén estreada está tamén concibida coa finalidade de ser levada a outras localidades, ao igual que acontece con “Oé, oé, oé” que tres anos despois segue aínda en cartel.
Desde o Colectivo Cultural Ollomao indican que, “a aceptación deste tipo de eventos son mostra de que tan necesarias seguen a ser as diferentes manifestacións culturais e sociais, especialmente como ferramenta para a pedagoxía e dinamización sociais, e máis aínda nalgúns núcleos rurais menos achegados a este tipo de oferta. Así pois, é por iso tamén que o tipo de pezas interpretadas dende o colectivo barreirense procuran, aínda sendo teatro afeccionado e popular, escapar do costumismo e ofrecer un teatro con mensaxe e contido”.

Exit mobile version