Site icon Crónica3.com A Mariña

Os establecementos turísticos de aloxamento poderán optar a axudas de ata o 35% para investir na mellora das instalacións

290118CharlaViveiroViveiro (Lugo), 29 de xaneiro de 2018.- A Xunta de Galicia convocou un programa de axudas dirixido a entidades ou empresas para actuacións de mellora das infraestruturas dos
establecementos turísticos de aloxamento, que poderán obter ata o 35% do financiamento para realizar obras nas instalacións. O investimento neto admitido é de ata 100.000 euros, polo que o importe máximo da axuda a cada entidade beneficiaria será de 35.000 euros.

A Xunta e a Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería de Lugo (APEHL) convocaron hoxe na Delegación da Xunta en Celeiro (Viveiro) unha xuntanza con empresarios e axentes do sector turístico para explicar as diferentes liñas de apoio ás que poden optar, entre as que destaca a de mellora de aloxamentos que é a principal novidade deste exercicio.

O delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro, e o presidente da APEHL, Cheché Real, participan nesta reunión na que técnicos de diferentes departamentos da Xunta -entre eles Turismo de Galicia, o Igape e a Consellería de Economía, Emprego e Industria- darán conta dos distintos programas xa convocados ou próximos a convocarse nas vindeiras datas.

No que respecta en concreto as axudas para establecementos de aloxamento, foron publicadas no Diario Oficial de Galicia (DOG) do pasado 23 de xaneiro, e os hostaleiros teñen un prazo dun mes para presentar as solicitudes.

Poden ser obxecto de subvención as actuacións destinadas a mellorar as condicións de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas; obras dirixidas a obter certificacións de calidade, en especial a Q de Calidade Turística, ou a mellorar a clasificación do establecemento incrementando a categoría; mellora da climatización con medidas de aforro enerxético; renovación e modernización das instalacións, así como embelecemento do contorno; e renovación dos equipamentos mobles.

Outras axudas
Turismo de Galicia ten previsto convocar nestas semanas oito liñas de subvención que superan en conxunto os 5 millóns de euros de orzamento. Pero ademais, tamén se informará aos asistentes ás charlas doutras canles de financiamento ás que poden optar os empresarios do sector para impulsar os seus negocios, por exemplo a través dos Grupos de Acción Local de Pesca (GALP) e dos Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR).

Por último, farase referencia aos programas de apoio empresarial que desenvolve o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e ás axudas ao emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Exit mobile version