Site icon Crónica3.com A Mariña

Ribadeo busca a súa proxección no exterior en Francia, Reino unido e Portugal. Este venres o Alcalde e a concelleira de turismo, acompañados da técnica do ramo, mantiveron diversos encontros en Fitur co obxectivo de atraer visitantes máis aló do verán e das Catedrais

180118 Foto xuntanza Fitur RibadeoRibadeo, 19 de xaneiro de 2018. O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, e a concelleira de Turismo, Ana Martínez, acompañados da técnica de Turismo, Begoña García, manteñen nesta xornada xuntanzas con turoperadores e axencias de turismo de natureza co obxectivo de captar visitantes durante todo o ano para Ribadeo máis aló do verán e das Catedrais. Esta mañá reuníronse co director xerente de Brittany Ferris, Manuel Pascual. Trátase da maior compañía de ferris que move pasaxeiros de Francia e do Reino Unido cara España. O turismo internacional centra as pretensións do Concello de Ribadeo en Fitur, do que pode chegar deses dous países e tamén do veciño Portugal.
O rexedor declarou que “si ben no día de onte estivemos máis centrados na Mariña no seu conxunto, como debe ser porque somos unha comarca, e tamén estivemos con empresarios de Ribadeo, na xornada de hoxe, que é moi apertada, con moitas reunións concertadas, estamos vendendo Ribadeo; como di o noso lema, Ribadeo porque si, porque temos moitas cousas que vender e queremos ir paseniñamente, con moita humildade, pero con moita intención e con moita potencia tamén, tentar ampliar o turismo internacional. De feito quixemos aproveitar tamén o tirón deste mascarón de proa que temos, que é As Catedrais, que hai poucos días saíu nun programa exclusivo da BBC sobre marabillas naturais. Queremos aproveitar a este posible turismo de calidade media alta que utilizan os ferrys desde Francia e desde Reino Unido e que veñen a Santander”.
E subliñou “queremos darnos a coñecer a toda esa xente, a varios millóns de visitantes que utilizan esas liñas marítimas para vir en coche ou en moto e que normalmente teñen un nivel económico e un poder adquisitivo medio alto. Sabemos que dos países de onde veñen teñen unha chea de marabillas tamén, pero nós queremos destacarnos por esta, que xa que temos a fortuna de que ten un coñecemento internacional, e cada día vai a máis, queremos poñernos á súa disposición, sobre todo para un turismo que pretendemos que sexa fóra de temporada, que é cando máis o agradece a nosa hostalería e o noso comercio. Ofrecemos a posibilidade de que encontren un turismo diferente e especializado, sobre todo de paisaxe e de natureza, tendo en conta que Ribadeo soubo escapar das gadoupas do formigón e do urbanismo moi mal planificado e agora utilizamos toda esta marabilla da natureza que temos para vendernos potencialmente neste mercado do turismo internacional, que move moita xente”.
Suárez Barcia manifestou que “a maiores disto queremos poñer en valor o Camiño de Santiago, pero enfocado tamén á xente con alto poder adquisitivo para dar a coñecer todo o interior do noso concello, que se cadra non é tan turístico como a costa, pero ten unhas potencialidades enormes que estou convencido de que explicándollas a estes operadores poden ir abrindo oportunidades pouco a pouco”.
O alcalde seguiu a relatar que “ademais este ano queremos falar tamén con axencias de viaxes e turoperadores portugueses porque cremos que aquí temos un potencial que aínda está por descubrir. Para moitos portugueses Galicia é o sur: Rías Baixas, Pontevedra, Vigo, etcétera; pero nós somos o norte do norte e queremos que sigan subindo para chegar aquí estes irmáns que están tan preto de nós xeograficamente, pero que moitas veces están tan lonxe e polo tanto queremos darnos a coñecer”.
Fernando Suárez dixo: “queremos tamén enfocarnos a algo que poucos fan, que é o turismo de natureza. Por iso tamén temos encontros con diferentes axencias de turismo da natureza, porque queremos desfocalizar o turismo máis aló das Catedrais; aínda que o utilizamos como referente queremos ir máis aló e queremos apostar por un turismo xeolóxico de toda a costa. Este ano vimos de presentar dúas novas rutas de turismo xeolóxico: a ruta dos ollos, en Rinlo, e a ruta dos pregues, en Piñeira, porque queremos visualizar unha das maiores formacións xeolóxicas da Mariña, o gran pregue desde a ría de Foz á ría de Ribadeo, que ten o seu cume en Piñeira”.
O alcalde de Ribadeo sinalou que “estas son oportunidades que temos en Ribadeo e que temos que vender. E para iso viñemos, con este obxectivo. Estamos que non paramos e seguiremos ao longo de toda esta xornada”.

Exit mobile version