Site icon Crónica3.com A Mariña

Socialistas de toda a provincia e veciños esixen ao PP a retirada da reforma sanitaria coa que recorta máis servizos

IMG_0680Lugo, 13 de xaneiro de 2018.- Socialistas de toda a provincia e veciños esixiron este sábado ao Partido Popular a retirada da súa reforma da Lei de Saúde coa que pretende recortar máis servizos sanitarios no conxunto do territorio lugués en detrimento dos máis de 300.000 cidadáns da provincia. Fixérono na caravana reivindicativa organizada pola Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Mariña á que se sumaron máis de 1.000 persoas. Chegaron de diferentes puntos de Lugo ata San Cibrao, Foz e O Valadouro. Dende estas localidades, desprazáronse en máis de 300 coches ata o Porto de Burela. Logo fixeron un percorrido a pé ata diante do centro de saúde burelense onde se concentraron para “reclamar ao Partido Popular a non supresión das 3 áreas sanitarias da provincia (Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos) que queren levar a cabo coa reforma sanitaria que nos impón; a desvinculación da Mariña e Monforte da xestión integral con Lugo á que tamén nos obriga; a mellorar a atención primaria que está a desmantelar sucesivamente; e a dotación dos recursos económicos e humanos necesarios dos que nos priva hai anos para mellorar a calidade asistencial que é precaria”.

Así o recollía o manifesto que leron participantes na caravana e no que se lembrou que o pasado 2 de agosto se publicaba a reforma da Lei de Saúde de Galicia, suprimindo as tres áreas sanitarias existente na provincia “de xeito premeditado, sen diálogo e con total escurantismo, cando moitos profesionais e veciños están de vacacións. Xa vemos como o PP de Feijóo concibe a negociación e a transparencia”.

“O Goberno do PP vende a sanidade. Nós defendémola”
“O obxectivo do Goberno do PP con esta reforma é avanzar nas políticas de desmantelamento da sanidade pública, consolidando a súa liña de recortes que tanto dano fixeron e están a facer ao sistema público de saúde; provocando a perda de máis servizos nos hospitais comarcais e afastando, deste xeito, a resolución dos problemas da cidadanía. Esta reforma baleira de contido aos hospitais comarcais para concentrar os servizos sanitarios nos grandes hospitais. Esta medida supón unha grande barreira para o acceso da cidadanía á atención hospitalaria, especialmente para a poboación rural e máis avellentada. Introduce un perigoso cambio no xeito de xestionar e planificar os servizos sanitarios, un perverso cambio de modelo, pasando de basearse nas necesidades sanitarias e asistenciais da poboación, a ter só en conta os recursos sanitarios existentes. Trátase dun cambio moi substancial, que permite concentrar os recursos onde máis conveña ou onde estean xa instalados, sendo os propios veciños os que teñan que acudir a ela. O modelo consolida, ademais, o abandono e relegación da atención primaria, a máis próxima e accesible para a cidadanía e os doentes, que xa non recuperará as súas estruturas de planificación e xestión, o seu orzamento propio, afondando nun deterioro da calidade asistencial xa implantada. O Goberno do PP vende a sanidade. Nós defendémola”

Estas son as políticas sanitarias do PP
O milleiro de participantes na caravana reivindicativa apuntaron algunhas das medidas sanitarias que xa aplicou o Partido Popular na provincia, ou pretender aplicar, e destacaron:

– “Sabedes que co reforma sanitaria do PP desaparecen as tres áreas sanitarias existentes na provincia e os máis de 70.000 pacientes do Hospital da Mariña e os 60.000 do Hospital de Monforte pasamos a ser pacientes de Lugo?”

– “Sabedes que ata o de agora o PP nos convidaba a ir ao Polusa e á Virxen dos Ollos Grandes pero coa súa reforma sanitaria xa nos obriga?”

– “Sabedes que o PP nos retirará máis servizos sanitarios coa súa reforma sanitaria, cando no Hospital da Costa xa só nos ofrece 1 só médico de rehabilitación, 1 reumatólogo, máis de 400 días de espera para cardioloxía, non se colocan marcapasos, nin tan sequera se cambian as pilas destes instrumentos, tendo que ir a Lugo; un grande prematuro tamén ten que ir a nacer á capital lucense porque en Burela non hai medios, as resonancias realízanse 1 vez ao mes nun camión móbil…. ou cando no Hospital de Monforte de Lemos nos ofrece 1 só dixestivo, 1 neurólogo, 1 neumólogo, 1 oftalmólogo eventual, unha espera de 1 ano para alergoloxía…”

– “Sabedes que o PP quere coa súa reforma sanitaria centralizar as intervencións cirúrxicas en Lugo e que moitos especialistas xa manteñen que se os obrigan a ir a operar ao HULA pedirán os traslado e marcharán da Mariña e de Monforte de Lemos porque non queren traballar nesas condicións?”

– “Sabedes que coa súa reforma sanitaria o PP ofrecerá a todos os lucenses unha sanidade pública na nosa provincia aínda máis precaria cando agora, por exemplo, na Mariña xa nos derivan á Coruña para operar a un neno dunha fimose ou a centro privados de Lugo para unha operación de cataratas; e que durante a noite só hai 1 soa enfermeira para o coidado de máis de 30 pacientes ou 3 celadores para atender urxencias, quirófanos, UCI, partos, cambios de postura de pacientes encamados…?

– “Sabedes que o PP non dota ao servizo de oncoloxía do Hospital da Costa de consulta de enfermería para prestar educación sanitaria a pacientes e familiares como no resto de hospitais?

– “Sabedes que o PP mantén en precario o hospital de día de oncoloxía da Mariña, sen oncólogos propios, vindo profesionais dende Lugo despois de facer gardas e non durmir?”

– “Sabedes que o PP mantén ao Hospital da Costa sen presenza de oncólogos e cando ingresa un paciente queda ao cargo dun internista?”

– “Sabedes que o PP ten o servizo de Anatomía Patolóxica da Mariña abandonado, sen persoal suficiente, atrasando o diagnóstico do cancro e de enfermidades moi graves?”

– “Sabedes que coa ampliación do Hospital da Costa o PP só amplía espazos pero non servizos? Non teremos máis quirófanos, non teremos máis plantas de hospitalización, non amplía a UCI, non teremos novas especialidades…

– “Sabedes que na Mariña levamos anos demandando ao PP a necesidade dunha resonancia magnética e aparellos para realizar densitometrías óseas, electromiogramas, placas dentais…e sempre nos di que non hai espazo e que coa ampliación tampouco quere traer estes servizos?”

– “Sabedes que o PP non quixo implantar na Mariña o servizo de hemodiálise a domicilio, sendo un proxecto que lle presentaron os profesionais do Hospital da Costa, levando esta prestación a Lugo?

– “Sabedes que o PP mantén aos centros de saúde totalmente abandonados, con falta de médicos, enfermeiros, administrativos, material e longas listas de espera?”

– “Sabedes que o PP non cubre as ausencias dos profesionais?”

“Non imos a consentir que o PP nos desmantele as áreas sanitarias. Loitaremos pola nosa sanidade pública”

te reforma é un paso máis no desmantelamento da saúde pública que iniciou o PP xa no ano 2013, cando impuxo a integración das áreas sanitarias da Mariña e de Monforte na de Lugo. As consecuencias para os 70.000 veciños da Mariña e os 60.000 do Sur que acoden aos hospitais da Costa e de Monforte de Lemos pasan por contar con aínda menos servizos sanitarios e unha atención máis precaria nos seus centros. Pero isto tamén afectará aos veciños cuxo hospital de referencia é o HULA pois, cos mesmos recursos sanitarios, que xa son deficitarios debido aos recortes e ás privatizacións aplicadas polo Partido Popular, este hospital deberá atender as necesidades dos máis de 300.000 lucenses. Polo tanto, a reforma sanitaria do PP afecta á calidade da sanidade pública que por dereito deben recibir todos os cidadáns.

Ademais, esta reforma supón a centralización das intervencións cirúrxicas en Lugo, o que obriga aos profesionais das zonas norte e sur a desprazarse a cidade de Lugo a operar, o que avogará aos sanitarios a solicitar as súas prazas na capitalidade da provincia; ou a o cambio dos pacientes das areas, que pasarán a ser todos pacientes de Lugo o que obrigará a facer derivación a centros privados como o POLUSA ou o Virxe dos Ollos Grandes.

Situación de desmantelamento da sanidade pública
A reforma na Lei de Saúde é un paso máis no desmantelamento da sanidade pública que está a levar a cabo o PP, e que producen arestora situacións como:

Falta de celadores: só hai 3 celadores polas noites para entender urxencias, quirófanos, UCI, partos, cambios de postura de pacientes encamados, o que paraliza a actividade do persoal sanitario que ten que esperar por un celador que non hai.

Falta de oncólogos propios, o que produce unha merma na calidade asistencial aos doentes, así como a non existencia dunha consulta de enfermería do servizo, impedindo, a diferenza doutros hospitais, prestar unha educación sanitaria a pacientes e familiares.

Falta de medios técnicos, como os aparellos de resonancia magnética e a de aparellos para realizar probas como densiotometría ósea, electromiográmas, placas dentais…

Non reposición de persoal sanitario en baixas e xubilacións

Traslado do servizo de diálese prometido para a Mariña, a Lugo.

Abandono dos PAC’s e centros de saúdes

Exit mobile version