Lugo, 1 de febreiro de 2018.- A Mariña lucense como destino turístico pecha 2017 cun comportamento positivo, moi especialmente no que respecta á demanda hoteleira. Os preto de 137.000 visitantes que escolleron esta comarca, aumentaron a súa estadía media e o número de pernoctacións.
Así, segundo datos xa definitivos elaborados polo Instituto Nacional de Estatística (INE) o ano pasado incrementouse o volume de noites hoteleiras nun 7,2% como consecuencia dunha notable mellora da estadía media –do 17%-. A estadía media nos hoteis e pensións da Mariña Lucense sitúase en 2,07 noites, cifra que se incrementa nun 17% en relación ao ano 2016.
Ademais 2017 foi o quinto ano consecutivo no que se observa un crecemento da demanda hoteleira na Mariña lucense, tendencia que comeza en 2013 –cunha suba do 10,3%- e continúa logo en 2014 –cun 6,7%-, en 2015 –cun 11,4%-, en 2016 –cun 1,8%- e agora en 2017 –cun 7,2%-.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou tamén que estas circunstancias “elevan a cifra final a preto de 284 mil de noites no destino, dato que supón un máximo histórico”. Unha tendencia positiva “que permitiu xerar preto de 100 mil novas pernoctacións nos últimos cinco anos”.
Máis polo miúdo, o bo comportamento da demanda –medida en pernoctacións- é unha característica que se observa en boa parte dos meses do ano. En particular, increméntase en todos agás en marzo –polo efecto negativo do calendario coa celebración da Semana Santa-, en maio e en setembro. Nos restantes meses obsérvanse crecementos en termos interanuais sendo máis intensos en temporada baixa, concretamente en febreiro, outubro, novembro e decembro.
137.000 viaxeiros, deles o 90% turismo nacional
O número de viaxeiros chegou a 136.906, un cifra inferior á do ano anterior, motivada polo incremento da estancia media. Por segmentos, o 89% da demanda hoteleira corresponde ao turismo nacional mentres que a porcentaxe restante, o 11%, é internacional. Ambas cifras están referidas ás pernoctacións.
A nivel territorial é posible distinguir dous destinos concretos dentro da Mariña Lucense –os municipios de Ribadeo e Viveiro-. Ambos presentan dinámicas distintas neste ano. Viveiro amosa un comportamento notablemente positivo, superando nun 37% os niveis de demanda do pasado ano 2016. Ribadeo, en cambio, presenta unha caída do 8% no volume de noites hoteleiras –logo de acumular catro anos consecutivos de crecemento-.
Froito do bo comportamento da demanda os niveis de ocupación do sector melloran neste ano, en 2,2 puntos porcentuais, ata situarse no 30,0% de media. Son cinco anos consecutivos de mellora dos niveis de ocupación na Mariña Lucense pasando dunha media do 22,3% en 2012 ao 32,7% agora en 2017.
Reforzar o destino Mariña para consolidar estes bos datos
A modo de conclusión Balseiro explicou que o turismo está chamado a converterse nunha das grandes oportunidades de crecemento económico e por iso é preciso seguir mellorando a promoción da comarca, co obxectivo de consolidar estes datos a afrontar o reto da desestacionalización, e acadar así máis viaxeiros ao longo de todo o ano.
Para iso Balseiro considera que tería que “repensarse” o modelo de promoción actual, a través da Mancomunidade de municipios, e empregar unha fórmula como a o Consorcio de Turismo que noutros zonas -como a Ribeira Sacra- ten demostrado a súa maior utilidade, e que ademais é o modelo escollido polo resto dos xeodestinos lucenses, incluídos os recentemente constituídos da Montaña de Lugo, Terra Chá, Lugo e Sarria.
Entre as vantaxes do Consorcio de Turismo sobre a mancomunidade está unha maior profesionalización desta tarefa e que ademais este modelo ofrece máis canles de participación. Así por exemplo, a xestión do consorcio recae nun xerente, que garante actividade todo o ano e, ademais, a diferenza da Mancomunidade da que solo forman parte os concellos, o Consorcio está aberto á participación de asociacións sen ánimo de lucro (Acias, federacións de hostalería, de casas turísticas), operadores turísticos privados ou confrarías –cun papel esencial, por exemplo, para potenciar a oportunidade do turismo Mariñeiro-.