Site icon Crónica3.com A Mariña

A nova carta de Dékada ofrece unha hamburguesa vegana e unha pizza dun metro de longo

DEKADA_VEGANA_9871Viveiro 23-2-18. O local Dékada, ubicado na zona de Cantarrana en Covas (Viveiro), está a cumprir este ano o seu 10º aniversario e para celebralo acaba de incorporar unhas novidades moi chamativas na súa carta: unha hamburguesa vegana, moi demandada pola súa clientela, e unha pizza dun metro de longo, ideal para compartir en grupo.
As pizzas e sobre todo as hamburguesas son os principais pratos da carta da Dékada, que pertence ao Grupo Galipizza. Son moi populares as súas mini burgers “gourmet” e as famosas “tetiñas”, en tamaño normal e XL, que se elaboran no tipo de pan que recibe o mesmo nome.
Incorporar unha hamburguesa vegana era un dos reclamos que os seguidores da Dékada e de Galipizza viñan demandando desde hai tempo, incluso con campañas a favor nas redes sociais. Está elaborada con puerro, cenoria, apio, coliflor, guisantes, col e cebola, e preséntase montada en pan de tetiña con espinacas, tomate natural e patacas fritas.
“Esta hamburguesa vegana xa a estreamos na pasada edición do Resurrection Fest e tivo moi boa acollida, por iso decidimos agora incorporala á carta da Dékada e valoramos facelo igualmente na proxima carta dos locais de Galipizza”, afirma José Manuel Vázquez “Leman”, xerente do Grupo Galipizza.
En canto á nova pizza de metro, é unha vella aspiración da casa, que tamén a valora como unha das próximas incorporacións á oferta de Galipizza. De momento ofrécense tres das pizzas da carta en tamaño de metro: romana, alemana e picante.
Xogando co nome do local tamén se lanza unha oferta “Dekámetro”, co que se premia a fidelidade dos clientes: por cada 10 metros de pizza consumidos entrégase un metro de pizza gratis. Para iso fixéronse unhas tarxetas de fidelización que se van sellando con cada pizza de metro.
E por se hai alguén que se atreva a comela enteira, cada martes a empresa lanza o seu “Reto de Metro”: aquela persoa que sexa quen de comer unha pizza de metro enteira sairalle gratis.
Dékada pertence ao Grupo Galipizza e comparte moitas das súas peculiaridades, tanto pola súa clientela como polo estilo de comida que ofrece. Entre a súa carta destacan especialidades da cociña turca, mexicana e italiana, como as Bruschettas; e tampouco faltan as racións cun toque americano e autóctono de Galicia. A súa oferta gastronómica complétana unha varidada sección de postres, merendas e cocktails, ideais para degustar na súa terraza ubicada ao pé do Parquemar de Covas.

Exit mobile version