Site icon Crónica3.com A Mariña

A plataforma sanitaria, reunida en sesión extraordinaria, califica de éxito sen precedentes a mobilización do pasado 4 de febreiro en Compostela

A Mariña 12-2-18. A Plataforma Sanitaria reuniuse en sesión extraordinaria para facer unha valoración da mobilización que o pasado día 4 de febreiro desprazou ate Compostela a un milleiro de mariñás e mariñaos en dez autobuses e centos de coches. Cualifican a manifestación coma histórica na Comarca “ e un éxito sen precedentes tanto para Mariña coma para o país, comparable ao que ocurriu co movemento Nunca Máis” – sinala o portavoz da Plataforma.
Desde a Plataforma Sanitaria tamén queren agradecer a toda a comarca a súa implicación e o gran esforzo que fixeron ao desprazarse ate Compostela nun domingo, levantándose cedo e cunha previsión meteorolóxica moi adversa.

A Plataforma Sanitaria estivo presente no debate da totalidade do pasado 6 de febreiro

Unha representación da Plataforma Sanitaria acudiu o pasado martes 6 de febreiro ao Parlamento para presenciar a sesión de debate da totalidade da reforma da Lei de Saúde de Galicia. @s asistentes coinciden en definir a actitude do Partido Popular como soberbia, chulesca e alonxada da realidade e do pobo.

Previo ao comezo da sesión a oposición solicitou a retirada do orde do día do punto relativo á reforma da lei de saúde, solicitude contestada polo deputado Pedro Puy que esgrimiu uns argumentos intolerables ao dicir que “ afortunadamente neste país lexíslase no Parlamento e non contando manifestantes; non imos aceptar”.
A Plataforma Sanitaria tamén quere parabenizar á oposición pola súa postura unánime e ben argumentada no rexeitamento desta contrarreforma.
Á saída da sesión o portavoz da Plataforma Sanitaria amosaba a súa indignación pola negativa do PP a retirar esta reforma abrindo unha mesa de diálogo cos grupos políticos e axentes sociais. “ Nun país que se di democrático o feito de que 30.000 persoas saíran á rúa a dicir que non aceptan a reforma da lei, que rexeitan a supresión das áreas sanitarias e que non van a tolerar que se privatice a sanidade pública,sería suficiente para que o goberno retirase este punto da orde do día e se sentase a dialogar- manifesta Víctor Vila, portavoz da Plataforma

Desde a Plataforma Sanitaria anuncian tamén que aínda que isto foi un golpe contra a democracia e contra o pobo , que é soberano e de onde debe emanar o poder lexislativo, non desistiran na súa loita e anuncian que continuarán con actos reivindicativos que serán dados a coñecer proximamente.

Exit mobile version