Santos Ramos, que estivo acompañado polo Deputado de Turismo, Eduardo Vidal, e a xerente da TIC, Margarita Soilán, anunciou que “a nosa intención é manter a colaboración da TIC co IES de Foz, xa que é moi positiva para ambas partes, tanto para a formación práctica dos nosos alumnos como a promoción da Escola de Hostalería de Foz e o gran traballo que está a facer, ademais de contribuír a dar a coñecer o Concello focense a nivel nacional e internacional”. A entrega tivo lugar ao remate da Final do XI Campionato Internacional de Baristas de Escolas de Hostalería, na que participaron 18 Escolas de Galicia, Cantabria, País Vasco Castela León e París.
Eduardo Vidal foi o encargado de entregar o terceiro premio a Alberto Castedo, do IES Sanxillao. A primeira clasificada foi a ourensá María Vila, do IES Vilamarín, e a segunda, Silvia García, do CIFP Compostela.
Mañá, o Campionato de Profesionais en directo
Os alumnos de segundo de realización da EIS tamén se encargarán, mañá venres, do streaming do VI Campionato Internacional de Baristas Profesionais, que poderá verse a través de Facebook e YouTube. Ao igual que no caso dos Campionatos de Escolas de Hostalería e de Catas de Café, ademais da emisión en directo, editarán vídeos de cada un dos participantes para compartilos nas redes.
O streaming das tres xornadas realízanse con cinco cámaras. Os alumnos rotan por todos os postos: operador de cámara, mesa de son, grafismo, fotografía, axudante de realización, realización e edición de vídeos. O patrón da TIC lembrou que este é un exemplo do modelo educativo da TIC, baseado nas prácticas en escenarios reais.