Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta destinou o pasado ano aos concellos de Lugo 550.000 euros para medidas de promoción da igualdade e apoio aos CIM

Lugo, 12 de febreiro de 2018.- A Secretaría Xeral da Igualdade destinou o pasado ano axudas por importe de 555.000 euros ás entidades locais de Lugo para apoiar aos centros de información ás mulleres (CIM) e para desenvolver medidas de fomento da conciliación ou de prevención e tratamento integral da violencia de xénero.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, lembrou que actualmente está aberta unha nova convocatoria deste programa, e o prazo para presentar as solicitudes esténdese ata o día 22 de febreiro.

Explicou que no pasado exercicio beneficiáronse das achegas 43 concellos lucenses, e a contía máis relevante foi a destinada ao sostemento dos Centros de Información ás Mulleres (CIM). En total preto de 486.000 euros repartidos entre os once centros existentes na provincia.

Cómpre lembrar que nos CIM as mulleres que o precisan poden solicitar axuda e información, pero non só as mulleres vítimas de violencia de xénero, senón tamén os seus familiares ou calquera outras persoas que precisen de asesoramento ou soliciten información sobre as iniciativas que organizan estes centros.

Este ano, o Goberno galego destina a esta convocatoria un orzamento que supera os 4,2 millóns de euros -cofinanciados nun 80% polo Fondo Social Europeo- contía da que poden beneficiarse tanto os concellos, como consorcios, mancomunidades ou agrupacións ou asociacións de municipios.

Ademais, nunha nova mostra de colaboración coas administracións locais o Consello da Xunta vén de autorizar a concesión de anticipos de ata o 75 por cento do total das subvencións concedidas nalgún destes tres programas.

Ao igual que en anos anteriores, darase prioridade aos proxectos de xestión compartida, cun incremento de puntuación e, polo tanto, de subvención para os concellos que presenten solicitudes conxuntas para a xestión desta orde de axudas.

Tres programas subvencionables
Para os Centros de Información á Muller (CIM) o Goberno galego financia o custe do persoal que traballa nos mesmos, concretamente os postos de dirección, asesoramento xurídico, atención psicolóxica, así como tamén o das persoas que exercen como axentes de igualdade ou de fomento do traballo en rede e de dinamización do territorio con enfoque de xénero, que prestan atención a mulleres en situación de vulnerabilidade.

Polo que respecta ao programa de fomento da conciliación da vida persoal, laboral e familiar, está enfocado a promover as medidas que os concellos adopten coa finalidade de facilitar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral das persoas traballadoras, como por exemplo os bancos de tempo.

Finalmente a liña destinada á prevención e tratamento integral da violencia de xénero, inclúe accións de intervención de carácter integral coas mulleres que sofren este tipo de violencia, os seus fillos e fillas e coas persoas dependentes das vítimas; así como actuacións dirixidas á loita contra a explotación sexual e a prostitución.

Exit mobile version