O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, subliñou hoxe en Cervo que este investimento da opción a máis de 400 persoas a mellorar a súa cualificación profesional ou reorientala cara a especialidades con demanda no mercado laboral.
Balseiro visitou aos participantes no curso sobre “Actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería” en compañía do alcalde da localidade, Alfonso Villares. O delegado explicou que neste momento están xa en marcha 17 dos cursos previstos na comarca, dous deles organizados polo Concello de Cervo -que ten en total catro concedidos-: o de xardinaría e outro sobre “Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais”.
O delegado engadiu que entre os promotores dos cursos figuran tamén os concellos de Burela, que ten seis cursos autorizados e dous xa en marcha; Xove, cos tres xa en funcionamento, e O Vicedo, que está a impartir un sobre atención sociosanitaria. Igualmente, hai cursos organizados por centros de formación homologados e pola Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami) na Mariña.
Neste sentido, Balseiro afirmou que “unha das principais vantaxes da programación de cursos AFD é que todas as entidades promotoras axudan a confeccionala de acordo coas demandas de emprego que detectan no seu entorno”.
Así, entre as especialidades propostas destacan as relativas á atención sociosanitaria, un campo no que se abriron nos últimos anos novas perspectivas de emprego, pero tamén se recollen accións formativas en socorrismo, tarefas administrativas ou promoción turística, entre outras.