Burela, 27 de febreiro de 2018. O alcalde, Alfredo Llano, pídelle ao grupo municipal do PP que faga política seria e que se ocupe das cuestións que realmente lles importan aos veciños e veciñas de Burela. Como exemplos o Hospital da Costa e os servizos que ofrece, o mal estado da N-642, o declive do servizo do tren nesta zona ou mesmo as pensións.
O rexedor dixo: “hai que recoñecer que ultimamente parece ser que o PP de Burela, a través do señor Barcia, está moi preocupado por determinadas cuestións que son o reflexo dalgunha conversa que van tendo esporadicamente con algunha persoa de Burela e non se para moi ben a pensar no que di”.
Alfredo Llano referiuse “sobre o hospital e a que regulen os nosos gardas municipais o tráfico nesa zona ou que deberá haber máis presenza policial moito máis tempo, dicir que en principio esa é unha zona, aínda que de uso público, dunha entidade completamente diferenciada do que é o Concello”. E insistiu en que “o Concello de Burela sempre actuou alí da mellor forma posible cando foi chamado ou por iniciativa propia. Hai que ter en conta que o Concello de Burela ten habilitado cinco zonas nas inmediacións do Hospital da Costa para aparcar, algunhas delas con grande capacidade de aparcamento, e desde logo non ten porque haber ningún problema de fluidez na zona do hospital”.
O alcalde burelés indicou que “tamén se teñen feito obras, por exemplo a rotonda que se fixo para regular o tráfico mentres se fixeran as obras. Non hai suficiente Policía Local para ter alí alguén de forma constante e permanente, ademais de non haber esa responsabilidade tampouco temos, aínda que quixéramos, xente suficiente como para poder facer un servizo especial naquela zona”.
Alfredo Llano failles varias recomendacións aos populares: “o que lle digo a esta xente é que si realmente lle preocupa a fluidez do tráfico e a seguridade, o que deberán facer é acelerar un pouco as obras dun aparcadoiro que está alí e que o poñan a funcionar inmediatamente. Si se preocupan tanto do tráfico e se queren facer algo que realmente mereza a pena, que se preocupen do tráfico e da seguridade dunha forma notoria, facendo política. Eu invito aos do PP a que fagan unha sentada, que vaian a Nois, que paren o tráfico, que reclamen unha boa N-642 porque evidentemente vese como está, que protesten, ou que vaian a Cervo. Tamén poden vir Burela, a carón da estación, para que reclamen un bo servizo de Feve”.
E engadiu: “que reclamen tamén unha área sanitaria propia da Mariña, que teñan tamén bos aparcamentos, pero derivado diso que teña uns servizos extraordinarios. E tamén estaría ben que atendan os servizos sociais. Agora mesmo estase protestando en toda A Mariña, en Burela tamén, polas pensións. Pois que dean un paso adiante e traballen para todos, non soamente para certas persoas que lles comentan cousas pola rúa, que se deixen de facer política dunha maneira que eu penso que non é seria”.