Site icon Crónica3.com A Mariña

Alumnos do IES de Foz elixen hotel para realizar prácticas remuneradas a partir de marzo entre nove destinos españois e tres estranxeiros

IMG_0540Foz, 26 de febreiro de 2018.- Alumnos do IES de Foz están a espera de coñecer o seu primeiro destino para realizar as prácticas do ciclo de Formación Profesional Dual que están cursando, logo de presentar as súas solicitudes para as que puideron optar entre doce posibles hoteis, nove españois e tres estranxeiros.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, visitou hoxe o centro para interesarse pola marcha deste ciclo pioneiro na provincia -só hai outros dous similares en Galicia-. Estivo acompañado do director, Nicolás Asensio, entre outros.

O dobre ciclo superior de Formación Profesional Dual en Dirección de Cociña e Dirección de Servizos de Restauración púxose en marcha no IES de Foz este curso en convenio con Arlea Hotels S.L.U, propietaria da cadea hoteleira Eurostars.

Nestes primeiros meses os alumnos recibiron formación teórica e práctica no centro, e dispóñense agora a afrontar o primeiro período de prácticas nas empresas da entidade colaboradora. Para elo, puideron optar entre exclusivos hoteis situados en Galicia (o Gran Hotel da Toxa, no Grove, e o Monumento Mosteiro de San Clodio, en Leiro), e tamén en Oviedo, Barcelona, Valencia, Alicante, Córdoba, Sevilla, as Illas Canarias, Lisboa, Porto e Roma.

As prácticas comezarán a partir do 15 de marzo e rematarán en setembro. A continuación, os alumnos e alumnas terán un mes de vacacións antes de incorporarse ao seguinte curso. O ciclo consta de tres anos de duración -en circunstancias normais as dúas titulacións suporían catro anos de estudos- e inclúe prácticas dende o primeiro curso. Durante esas prácticas, os estudantes teñen abonados os custos de desprazamento, aloxamento e manutención, así como unha beca de arredor de 500 euros mensuais.

Balseiro subliñou “a gran oportunidade que supón a formación profesional dual, que mellora notablemente a empregabilidade do alumnado ao adecuarse ás necesidades específicas que demandan as empresas”.

No IES de Foz estudan máis de 500 alumnos e alumnas, 148 deles nas ramas de hostalería (123 en réxime ordinario e 25 en adultos). É un centro moi dinámico que tamén participa en diferentes programas educativos; neste momento, un dos alumnos do dobre ciclo de FP dual está participando nun programa Erasmus Plus dun mes de duración en Italia.

Exit mobile version