Site icon Crónica3.com A Mariña

“As fotos colocadas no espigón do porto danan a imaxe de Burela. Hai que retiralas de inmediato”, afirma o PP

20180222_123026Burela, 22 de febreiro de 2018.- O Grupo Municipal do Partido Popular subliña que “Burela Bonita dá un paso máis para convertirse en Burela Desastres, logo de ver como as fotos colocadas no peirao están tan deterioradas que nin se aprecian as formas e ainda non foron retiradas”.

Esta afirmación, feita onte polos populares, derívase do rogo que o mesmo Grupo fixo no pleno celebrado hai tres semanas. Concretamente, “nesa sesión pedimos o cambio das imaxes porque están irrecoñecibles, e o alcalde respostou que se retirarían de inmediato. Pois ben, as fotos seguen no seu sitio; o que en realidade non sorprende, vendo a tardanza na toma de decisións do socialista e dos seus concelleiros, ou vendo as chapuzas que se fan para tentar solucionar determinados problemas”, remarcan.

Desde o PP consideran que “a presenza do que no seu día foron fotos é prexudicial para a imaxe do alcalde e dos concelleiros de Turismo e Mar, pero é moito máis prexudicial para a imaxe de Burela como referente turístico”. A este respecto, indican: “que o alcalde non é un namorado do traballo, xa o sabemos; pero o que non queremos é que con ese xeito de actuar prexudique ao noso concello”. Por iso, pídenlle que “as retire de inmediato”, tal e como dixo durante a sesión plenaria celebrada hai quince días, porque as fotos no estado actual “perxudican a imaxe da vila”.

Os populares finalizan apuntando que, “cada día que as vemos, dámonos conta de que a mesma imaxe das fotos, a nada, porque non se ve nada, é a imaxe do labor feito ata o de agora polos socialistas: nada”.

Sinalización errónea e actuacións na rúa do Río
Os edís do PP tamén critican a deficiente e errónea sinalización con motivo dunha actuación na intersección de Arcadio Pardiñas coa rúa do Río. “Somos conscientes de que unha obra, por pequena que sexa, xera problemas, pero o Concello ten a obriga de garantir unha información da sinalización das actuacións correcta e que non xenere equívocos”, apuntan.

Desde o Grupo Municipal indican que, “neste caso, colócase un cartel (por certo, sen membrete nin selo do Concello) no que se indica a prohibición de acceso á rúa do Río dende Arcadio Pardiñas, sinalando que o acceso será dende a rúa da Fontela. Pero ao dirixirnos á intersección rúa da Fontela/rúa do Río, vemos como o sinal de dirección prohibida existente na intersección non está tapada, co que, en definitiva, o Concello está a impedir ó acceso á rúa do Río, como puidemos comprobar onte pola mañá”, explican
Dende o PP aseguran que “todas estas deficientes actuacións que afectan ao día a día demostran a incapacidade política do alcalde e do seu equipo, e o desdén e a deixadez por facer as cousas co mínimo rigor e seriedade”, conclúen.

Exit mobile version