Site icon Crónica3.com A Mariña

Balseiro lembra que a Xunta destinou dende o 2011 ao Concello de Ribadeo 3,4 millóns de euros do fondo de cooperación “que puido investir en asuntos prioritarios como o abastecemento”

Ribadeo, 16 de febreiro de 2018.- O delegado territorial da Xunta en Lugo lembrou hoxe que o Goberno galego concedeu nos últimos anos ao Concello de Ribadeo máis de 400.000 euros en cada exercicio a través do Fondo de Cooperación Local, “orzamento que pode destinar a asuntos prioritarios como o abastecemento”.

En concreto, apuntou Balseiro, “dende que se creou este fondo, no ano 2011, a Consellería de Presidencia leva destinado ao municipio de Ribadeo 3.450.000 euros por este concepto, contía que o Goberno local puido investir en calquera obra ou servizo público da súa competencia”.

Balseiro aclarou que a Xunta ten demostrada a súa colaboración nesta materia con investimentos en obras hidráulicas no termo municipal de Ribadeo que superan os 20 millóns de euros dende o ano 2009, entre elas o novo emisario ou a nova depuradora de augas residuais.

Non obstante, afirma, “a continua apelación á Administración autonómica por parte do alcalde de Ribadeo non pode ocultar que os servizos de saneamento e de abastecemento de auga son de competencia municipal, e de feito o concello cobra taxas específicas para dar e garantir o perfecto funcionamento do servizo”.

O canon de auga da Xunta -explicou o delegado- só se cobra aos abonados do abastecemento municipal e non grava nin o servizo de saneamento, nin o de depuración, nin ningún outro servizo municipal, pois para iso cada concello ten capacidade para establecer taxas específicas, e non a Xunta.

Exit mobile version