Site icon Crónica3.com A Mariña

Billete á fase final galega, con 2-5 fronte ao Noia

helder-noia-copagalicia3Burela 7-2-18. O Pescados Rubén Burela FS fíxose co terceiro billete en pugna para a fase final de Copa Galicia onte, na pista do Noia Portus Apostoli (2-5). “Foi unha vitoria moi traballada” explicaba o técnico Juanma Marrube.

“Atopámonos co 1-0 nas poucas ocasións que tiveron os locais no primeiro tempo e talvez nos entrou un pouco a présa, tendo no recordo o partido de liga no que tamén nos vimos co marcador en contra. Na segunda parte, empatamos e puxémonos por diante; iso deunos un pouco de tranquilidade. Co 1-3, o partido entrou nunha fase máis de transicións e máis aloucada, co hándicap das cinco faltas. O 2-3 chegou nunha superioridade do Noia, ben defendida, pero pasou entre as pernas de dous xogadores, nunha situación de demasiado azar. Volvemos apostar por porteiro-xogador e deunos rendibilidade, serenándonos un pouco máis” facía así a lectura da cita o Mariskal.

Ficha técnica

Noia Portus Apostoli: Carlos, Samu, Marci, Kelson, Kike, cinco inicial; tamén xogaron Piki, Quintela, Nene, Álex, Kohei, Jorge Bello

Pescados Rubén Burela FS: Edu, Chus, Cora, Renato, Pope, cinco inicial; tamén xogaron Víctor, Hélder, Luisma, Colacha, Pitero, Héctor

Goles: 1-0, minuto 11, Marci; 1-1, minuto 21, Marci (propia porta); 1-2, minuto24, Hélder; 1-3, minuto 31, Colacha; 2-3, minuto 33, Kelson; 2-4, minuto 39, Chus; 2-5, minuto 39, Hélder.

Fase final

Xunto aos mariñáns, xa teñen o billete para semifinais O Esteo tras impoñerse a Sport Sala Culleredo, o 13 de xaneiro, por 2-5 e O Parrulo con 1-6 a favor fronte a Sala Ourense, o día 26. Pizarras Los Tres Cuñados recibirá o Santiago Futsal o sábado, día 10 (18.30 horas). “Será unha fase final bonita. É un aliciente para nós, forma parte do noso reto xa que este equipo non ten ningunha Copa Xunta; o obxectivo era estar entre os catro primeiros e aí estamos”, explicaba o adestrador laranxa.

Prone Lugo, segundo derbi da semana

O derbi de Vista Alegre ante o Prone traerá máis emoción, este sábado (19.00 horas, Vista Alegre): “Vén de facer un bo partido na pista do Puertollano; estiveron vivos ata a recta final e escapóuselles por detalles. Ademais chegarán coa fortaleza da vitoria do sábado pasado como locais, fronte ao Manzanares (4-1)” advertía Juanma, facendo referencia ás necesidades opostas de ambas as escuadras, entre a quinta praza mariñá e a penúltima luguesa: “Para o Prone será unha final máis, está acostumado a xogar unha final cada sábado e nós temos seguir loitando por seguir arriba na táboa dende a tranquilidade de xogar na casa”.

A Mariña respira fútbol sala

“Se se respira fútbol sala é porque a xente quere e aposta por este deporte. É un evento inmellorable para gozar do noso deporte. O club ao longo destes últimos anos catapultou a posibilidade de acoller eventos deste nivel, como o Memorial Heroes do Orzán no que colabora coa Fundación Imdecum. Xa é a segunda vez que se organiza unha cita de Sub-17”, valoraba Juanma Marrube.

Inmerso no grande ambiente do Campionato de España de Seleccións Autonómicas Sub-17 Feminino que acollerá A Mariña esta semana, Vista Alegre ofrecerá Tarde Laranxa o sábado, con compromiso de Primeira RFEF, ás 16.30 horas, fronte a UA Alicante, e de Segunda LNFS, ás 19.00 horas, con Prone Lugo. A TVG2 será testemuña da dobre cita, na que o Pescados Rubén festexará o Entroido con entrada totalmente gratuíta para todas as persoas que acudan disfrazadas.

“Espero que o sábado sexa unha boa xornada tanto feminina coma masculina e animo a toda a xente a que veña deleitarse co futuro do fútbol sala feminino que visita A Mariña estes días. Tamén quero mandar unha mensaxe de apoio á Selección Galega e especialmente a Sofía e ás xogadoras da Fervenza, Carol, Lucía e Cris”, concluía Juanma Marrube.

Exit mobile version