Site icon Crónica3.com A Mariña

Burela conta cun novo desfibrilador. Este concello é un dos mellor cardioprotexidos da provincia. Alfredo Llano anuncia que se impartirá un cursiño básico entre o persoal municipal sobre a utilización destes aparatos

220218 Foto desfibrilador 1Burela, 22 de febreiro de 2018. Burela conta cun novo desfibrilador que terá carácter polivalente e estará no vehículo de Protección Civil para poder actuar en calquera momento. Burela é un dos concellos mellor cardioprotexidos da provincia de Lugo, xa que conta con 6 desfibriladores.
O alcalde, Alfredo Llano, contou que “fomos buscar o desfibrilador que foi concedido ao Concello de Burela por parte da Xunta de Galicia. Firmamos un convenio para contar con ese aparello, que é moi necesario sobre todo en sitios onde hai moita xente como pode ser un Concello, un pavillón de deportes, unha praia, etc… Este desfibrilador que nos concederon onte, é semiautomático e vai estar no vehículo de Protección Civil para que sexa de servizo público”.
O rexedor burelés salientou que “Burela é un dos concellos que ten seis aparellos deste tipo, e podemos ter incluso sete, derivado da grande cantidade de actividade e moita concentración de xente moitas veces en eventos deportivos, ou nas praias, no auditorio, e en sitios onde hai normalmente moito público”.
Alfredo Llano anunciou que “o que imos facer son unhas charlas ou un cursiño a toda a xente do Concello, a todos os empregados. Imos facelo xa en breve para que todo o mundo teña unha noción, e en caso de emerxencia poida utilizar o aparello e favorecer a alguén ao que lle poida dar un infarto ou circunstancias parecidas”.
O alcalde de Burela considera que “isto é moi bo telo nos concellos, e tamén que toda a xente se prepare e teña uns coñecementos básicos porque en caso de emerxencia sempre é bo poder ser útil”.
O desfibrilador foi presentado por Alfredo Llano, pola concelleira Carmen Chumacero e por persoal de Protección Civil.

Exit mobile version