Así o subliñou este martes o Presidente, Darío Campos Conde, tras a aprobación no Pleno do Plan Único de 2018 por unanimidade, pois por primeira vez non saíu adiante só cos votos dos Deputación do PSOE, senón que nesta ocasión si o apoiaron as restantes formacións políticas. Neste senso, Campos Conde dixo que “para poder facer parte do Plan Único hai cando menos que votalo a favor, pois o PP nunca o apoio, ao igual que o orzamento da Deputación. Alégrome que por primeira vez haxa unanimidade e que todos aseguren que o Plan Único vén para quedarse nesta institución”, engadiu.
Neste senso, o Deputado de Cooperación cos Concellos, Argelio Fernández Queipo, que defendeu durante o debate plenario a proposta do Goberno da Deputación do Plan Único de Cooperación cos Concello para 2018, dixo ao Partido Popular que “si, somos un Goberno en minoría, pero o Goberno que propón e decide de que maneira se distribúen os fondos. E temos a vontade de facelo de xeito equitativo, como fixemos no 2016, no 2017 e agora no 2018. Unha distribución equitativa que brilla pola súa ausencia nas institucións nas que goberna o Partido Popular. A única Deputación que non ten Plan Único é a de Ourense, gobernada polo Partido Popular. Entre xuño e novembro de 2017, a Xunta do PP repartiu máis de 16 millóns de euros entre 21 Concellos da provincia, 19 deles gobernados polo PP”, subliñou.
Plan Único 2018
A través do Plan Único de Cooperación cos Concello para 2018 a Deputación achega aos 67 Concellos da provincia 21 millóns de euros, distribuíndo estes fondos en base á superficie, poboación, núcleos poboacionais e taxa de envellecemento de cada un dos municipios lucenses. Isto supón axudas de 500.000 euros nos maiores Concellos, como Lugo, Viveiro, Monforte de Lemos, Vilalba ou Sarria, e duns 200.000 euros nos máis pequenos, como Negueira de Muñiz, Rábade ou Triacastela.
Estes fondos son para obras de mellora, emprego, benestar, turismo, deporte e cultura. Os Concellos deberán achegar un mínimo do 50% dos fondos que reciben a novos investimentos, o que supón cando menos 10,5 millóns, así como outros mínimo dun total de 1,8 millóns de euros para manter o Servizo a Domicilio a non dependentes, que hoxe a Deputación presta a 1.800 maiores que non atende a Xunta. Os municipios teñen total autonomía para decidir os fondos que destinan a emprego e ata un 30% dos mesmos para turismo, cultura e deportes. Tamén hai unha liña dun total de 176.000 euros para financiar os 44 Grupos de Protección Civil nos Concellos, pois a Xunta recortou os seus fondos poñendo en risco o mantemento dos mesmos.