Site icon Crónica3.com A Mariña

CIG Saúde A Mariña apoia a mobilización convocada o 1 de marzo en Burela pola Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da Mariña

CIG SAÚDE A SAÚDE NON É UN NEGOCIOA Mariña 23-2-18. CIG Saúde A Mariña decidiu apoiar a mobilización convocada para o 1 de marzo ás oito da tarde na Hospital da Costa de Burela porque comparte o rexeitamento á contrarreforma sanitaria que borra do mapa sanitario a Área da Mariña e comparte a demanda de contar na comarca cunha sanidade pública, universal, de calidade e de proximidade para as máis de 70.000 persoas que viven na comarca.

REFORMA DA LEI DE SAÚDE.
A reforma sanitaria da Xunta implica a centralización dos servizos hospitalarios na capital da provincia e a conseguinte perda de servizos e especialidades en Burela, así como desprazamentos constantes da poboación da Mariña , nalgúns casos a máis de hora e media de viaxe, ao Hospital de Lugo e aos hospitais privados para realizar probas e consultas que ate agora realizaban na nosa comarca.
As consecuencias da centralización sanitaria xa se viña percibindo na Mariña na forma de perdas de servizos. Así, nos últimos tempos comezouse a derivar a Lugo desde Burela a implantación de marcapasos e inclusive o cambio de pilas dos mesmos, os partos de prematuros ou os múltiples, malia contar o Hospital da Costa con unidade de prematuros, a maioría das operacións de cataratas, hernias ou fimose, e as cirurxías programadas de traumatoloxía.
A federación da saúde esixe paralizar a reforma da Lei de Saúde Galega e reclama a creación dunha área de xestión integrada propia para a Mariña, reclama un cambio nas políticas de recortes en materia sanitaria para evitar o colapso dos servizos en asistencia primaria e especializada e demanda que a administración deixe de alimentar con fondos públicos a sanidade privada en detrimento do sistema público.
“Mais a día de hoxe, o único que fica claro nas filas dos populares é que os máximos responsábeis desta organización non queren escoitar e enganaron aos mariñaos, comezando polo presidente Feijóo que desde 2011 negou repetidamente, incluso en sé parlamentaria, a posibilidade de supresión da área sanitaria da Mariña”, afirman.

ÁREA DA MARIÑA, MOTIVOS PARA MOBILIZARNOS.

1.- Hospital da Costa: recortáronse recursos e incrementáronse as deficiencias asistenciais que obrigan aos pacientes e familiares a desprazarse ao Complexo Hospitalario de Lugo e a hospitais privados de Lugo, a 117 km. e hora e media.

Falta de persoal:

Déficit estrutural de prazas en todas as categorías (persoal médico, enfermaría, técnicos sanitarios, xestión e servizos…)

Pediatría:
Existe servizo para atender aos nenos prematuros, sen embargo o 100% dos casos son derivados a Lugo, o que supón un risco, que complica a atención do parto e grandes problemas de acompañamento na estadía hospitalaria e nas visitas familiares.
Ausencia de fisioterapia respiratoria infantil na nosa comarca, o que obriga a desprazarse a Lugo aos nenos e nenas coas súas familias, situación que esta Xerencia non quere corrixir.

Reumatoloxía:
Sería necesaria unha nova praza de especialista para atender a demanda asistencial da comarca e evitar as longas listas de espera de até un ano para coñecer os resultados de probas e diagnóstico.

Traumatoloxía:
Sería necesaria unha praza máis de especialista para atender a demanda asistencial., evitar longas listas de espera e derivacións á privada.

Rehabilitación:

Falta unha Rehabilitadora e polo menos cinco fisioterapeutas o que ocasiona longas listas de espera para o tratamento de fisioterapia.
Desvío masivo de pacientes cara a sanidade privada.
Cardioloxía:
Sería necesario que a comarca estivese dotada cun Servizo de Cardioloxía capaz de asumir as necesidades da poboación.
Deixáronse de implantar e cambiar marcapasos o que provoca desprazamentos innecesarios a Lugo de pacientes e familiares para a súa implantación, revisións e cambio das pilas.
Atrasos nas probas diagnósticas de até un ano: probas de esforzo.
Anatomía patolóxica:
Falta un profesional facultativo e dous técnicos.
Déficits nas instalacións do servizo, denunciadas en Inspección de Traballo que elevou un requerimento para corrixilas de forma inmediata.
Moitas mostras son enviadas a Lugo e a outros centros, producíndose moito atraso nos informes e incluso e podendo dar lugar ao extravío de mostras.

Derivacións aos centros médicos privados-concertados de Lugo e A Coruña:

Cirurxía vascular, especialidade que non existe no Hospital da Costa o que provoca a súa derivación a Lugo con listas de agarda de até un ano para unha primeira consulta. Todas as intervencións (como as varices) envíanse a Lugo, a maioría: a sanidade privada. Os eco-dopplers son derivados a Lugo, unha sinxela ecografía coa que se estuda o fluxo de sangue que pasa a través das arterias e veas
Todos os problemas de cirurxía de xeonllo son enviados a Lugo (preoperatorio, intervención cirúrxica e posteriores revisións)
As intervencións de fimose, as torsións testiculares e cirurxías pediátricas básicas son derivadas á cidade da Coruña.

Servizo de Radioloxía:
Non temos resonancia magnética fixa que parchean certos días do mes cunha resonancia móbil que non resolve as necesidades da poboación. Isto provoca a derivación masiva ao hospital privado POLUSA, tanto de pacientes da rúa como de pacientes ingresados.
Dende fai máis dun ano está sen cubrir unha praza de radiólogo, sobrecargando o traballo do servizo e provocando longas listas de espera.
Derívanse as privadas de Lugo todas as probas radiolóxicas de: ortopantomografías (placas dentais), densitometrías óseas, electromiográmas, electroencefalogramas…Situación que non se vai a corrixir coa ampliación prevista.

Servizo de Partos:
Sen dotación de técnicos en coidados auxiliares de enfermaría polas tardes e polas noites.

Oncoloxía:
O único hospital do SERGAS que non ten consulta de enfermaría oncolóxica para facilitar educación sanitaria tanto a pacientes como a familiares.

Listas de espera:
Propaganda enganosa por parte da Xerencia do Hospital sobre os tempos de espera para probas, consultas, intervencións…
Probas de cardioloxía, falan de 15 días cando a realidade é de até un ano.
Ecografías abdominais, falan de 12 días cando as esperas están en 5 meses.
Ecografías xinecolóxicas falan de 14-15 días cando a espera é de 8 meses.
Practicamente todas as especialidades teñen listas de espera intolerables.

2.- Producíronse serios recortes de recursos no persoal de Atención Primaria:
Amortizáronse 5 prazas de medicina familiar.
Intentaron pechar o consultorio médico de Cervo, freado polo movemento veciñal.
Falta persoal de enfermería (a rateo dunha praza de medicina por outra de enfermería non se respecta).
Carencia de pediatras.
Recortáronse prazas de persoal técnico de coidados de enfermaría.
Recortes en material dende que privatizaron os almacéns.
Non se substitúen aos profesionais, provocando sobrecarga asistencial e listas de espera de ata 12 días para ser atendidos.

3.- Novas dificultades para acceder ao Hospital:
As prazas de aparcamento que antes eran gratuítas agora serán de pago. O que supón unha privatización deste servizo para pacientes e familiares e un novo copago por enfermidade.

CHAMEMENTO Á MOBILIZACIÓN SOCIAL.
Por último confirman o seu apoio ao conxunto da táboa reivindicativa que motiva a mobilización do día 1, anuncian a súa presenza nesta manifestación e animan a todo o cadro de persoal do hospital e centros de saúde e ao conxunto da sociedade mariñá a apoiala porque na defensa da sanidade pública estamos todos e todas.

Exit mobile version