Site icon Crónica3.com A Mariña

Con Pólvora e Magnolias. “A xustiza pobre”

Días de frío, chegou tamén o inverno e a neve á función pública. A realidade rematou por superar á expectativa e todo colapsou.
O día de onte, 7 de febreiro, quedará marcado nos almanaques da administración de xustiza galega como data significada. O comezo dunha folga indefinida cun seguimento, segundo fontes sindicais, dun 90% de media en toda a comunidade.
Este paro masivo terá unha consecuencia indiscutible, a propósito do xa sobrecargado e atascado sistema xudicial. Tan só en Vigo entre, hoxe e onte, había sinalados entre 80 e 100 xuízos. Se algo pode saír mal, sairá mal. Nada dura para sempre, así que, nalgún momento todas as pezas dunha máquina romperán.
Deixando ao marxe os servizos mínimos de obrigado cumprimento, todo o demais rematou posposto “sine die”.
Atrás quedan os meses previos de negociación dun corpo de funcionarios que é, na actualidade, o peor pagado de todo o estado español.
Pero, ¿que demo está a pedir esta xente?
Unha mellora salarial, e a Xunta ofrece un incremento de 55, 62 e 75 € mensuais para auxiliares, tramitadores e xestores, suba que os sindicatos califican como indignante.
A devolución daquelas partidas que foron recortadas nos anos duros da crise e que non foron restituídas.
A convocatoria de máis prazas para cubrir servizos.
A eterna reivindicación da falta de medios semella unha obviedade, iso, e que unha parte importante da opinión pública dirixe as súas críticas contra esta e non contra os xestores da mesma.
Apuntar á vítima é moito máis sinxelo que sinalar ao culpable, e non deixo de pensar que isto mesmo non podía ser máis que unha esplendorosa vitoria da propaganda dun sistema profundamente ruín.
Non podo eludir estes pensamentos cando chego a un xulgado no que non hai infraestrutura para practicar unha video-conferencia, e atopo empregados públicos, sepultados entre moreas de expedientes, que levan meses de demora na súa tramitación.
O pasado 5 de febreiro o Consello da Avogacía Galega publicou un comunicado de prensa onde facía un chamamento ás partes para que colaborasen na consecución dunha solución satisfactoria para todos. No caso que nos ocupa creo que o Consello está a equivocarse, pois non cabe equidistancia. Tan só pedir á Xunta que dote á xustiza duns medios humanos e materiais mínimos propios do s. XXI.

Exit mobile version