Site icon Crónica3.com A Mariña

Con Pólvora e Magnolias: “Manifesto misantrópico”

A misantropía é o termo antónimo da filantropía; ben podería definirse como una actitude social baseada no desprezo ou aversión ao xénero humano.
Constitúen, por tanto, as presntes liñas unha apoloxía directa da antipatía polos seres humanos e pola humanidade no seu conxunto, un acto de desprezo.
Un dos máis afamado misántropos, o filósofo alemán Arthur Schopenhauer afirmaba que o home fixera un inferno na terra para os animais e escribiu que a existencia humana debía de ser unha especie de erro.
O tal Schopenhauer non era un chaíñas, un pusilánime, un burrán camanduleiro con afán de protagonismo e pobreza de espírito. O tipo sabía do que falaba.
Fíxome pescudar un titular dun xornal que falaba da dependencia en Galicia; un señor afirmaba en primeira persoa que a axuda no fogar dáballe a vida, para vir a explicar, acto seguido, que 20.000 dependentes galegos tiñan no auxilio doméstico a súa táboa de salvación.
Foi aló polo Nadal do ano 2006 cando entrou en vigor a primeira lei de dependencia no estado español, que viña a conformar un conxunto de servizos e prestacións “destinados á promoción da autonomía persoal, así como a atención e protección de persoas.”
Así, catro anos despois, foi aprobado na nosa comunidade autónoma o decreto polo que se desenrolaba a lei.
No mesmo texto definíase a dependencia coma o estado permanente no que se atopaban as persoas que, por razóns derivadas de idade, enfermidade ou discapacidade precisaban a atención de terceiros para realizar as actividades básicas da súa vida diaria.
Voltando ao bo señoriño do xornal, a súa filla manifestaba que tódolos días acudía á súa casa unha auxiliar por un período dunha hora: “Se encarga de lo básico”, explicaba a muller: ”érgueo, dúchao, cámbiao, faille o baño, límpao, córtalle as uñas…”
E mentres reparaba na situación do noso protagonista e da súa filla, de xeito simultáneo, ían desfilando pola memoria recordos recentes: aquela señora viúva de Malpica que levaba varios días morta enriba da cama. A tal señora levaba días desaparecida, algún veciño decatouse de que non fora a misa. Hai intres nos que ata os deuses abandonan.
Pero o triste desenlace do olvido e da soidade é un denominador común na nosa comunidade: en xuño do pasado ano apareceu un nonaxenario momificado na sala da súa vivenda na parroquia do Temple, no municipio de Cambre. O home levaba morto desde decembro.
Podería ser un macabro exotismo se non fose porque, ao ladiño mesmo, en Culleredo, dúas semanas antes, atoparan o corpo sen vida doutra muller que levaba catro anos desaparecida.
Nin se decataron os servizos sociais nin se decatou a sociedade. Hoxe, igual que onte, canto máis se coñece ao home máis se lle quere ao can.

Exit mobile version