Site icon Crónica3.com A Mariña

Concello e Acisa seguirán a colaborar e a traballar conxuntamente para dinamizar o comercio e a hostalería local. Así o aseguraron este mediodía o Alcalde, Fernando Suárez, e o presidente do colectivo empresarial, David Martínez

Ribadeo, 20 de febreiro de 2018. Concello e Acisa seguirán a colaborar e a traballar conxuntamente para dinamizar o comercio e a hostalería local. Así o subliñaron este mediodía o alcalde, Fernando Suárez, e o presidente do colectivo empresarial, David Martínez, que se reuniron co obxectivo de poñer fin á polémica suscitada nos últimos días coa Queima do Entroido.
O rexedor dixo: “en relación con esta polémica, por dicilo dalgunha maneira, dos últimos días a conta da bandeira catalana no Entroido, eu quero destacar o compromiso que mantemos, que mantivemos e que manteremos sempre coa asociación de comerciantes, como representantes do sector máis importante comercial desta vila, co sector económico máis importante”.
Suárez Barcia manifestou que “por algún motivo non imputable nin ao Concello nin a Acisa, entendo, o Entroido deste ano igual non foi o mellor dos posibles. E máis aló desta polémica, ás veces tamén alimentada de maneira excepcional polas redes sociais dan lugar a algo que non é. Ribadeo sempre foi un lugar tranquilo e aquí non queremos, por mais Entroido que sexa, queimar ningunha bandeira de ninguén. E estou convencido de que é o que pensan a asociación de comerciantes e todo o mundo”.
O alcalde destacou “o compromiso que seguimos mantendo con Acisa”. E engadiu que “a polémica suscitada foi quizais produto nestas últimas horas de malos entendidos, que para nada queremos que empanen a traxectoria de colaboración que temos de todo tipo coa asociación de comerciantes e coa súa directiva. Isto é o que sinceramente opinamos desde o goberno municipal de Ribadeo”.
Pola súa banda, o presidente de Acisa, David Martínez, lembrou que “o Concello e Acisa colleron o Carnaval a catro semanas da súa celebración. Este ano non había comisión e era importante que os ribadenses o disfrutasen e que os empresarios puidesen traballar eses días porque deixa diñeiro en Ribadeo. Hai xente que come, cea e se disfraza neste pobo. Como iso non se podía perder Concello e Acisa in extremis colleron a organización do Entroido e intentamos facelo co maior cariño posible”.
Martínez dixo que “ao final de todo producíronse unha serie de malentendidos que levaron a esta situación coa que ninguén está satisfeito”.
O presidente da Asociación de Comerciantes subliñou que “o importante é que Concello e Acisa traballan sempre man a man, facendo cousas tan incribles como o Ribadeo Indiano. E seguirán man a man loitando por Ribadeo. Todos temos o mesmo interese que é que a xente veña a este pobo, goce deste pobo, coñeza este pobo e que Ribadeo siga adiante, que haxa traballo e que a xente goce do que é Ribadeo”.

Exit mobile version