Site icon Crónica3.com A Mariña

Daniel Vega e Jaime de Olano avogan por “fortalecer A Mariña, a través do noso traballo nas institucións ás que representamos”

Reunión afiliados AlfozAlfoz. 23 de febreiro de 2018.- O secretario de Organización e deputados no Parlamento de Galicia, Daniel Vega, e o deputado no Congreso, Jaime de Olano, proseguiron este venres en Alfoz a rolda de contactos con afiliados e simpatizantes da Mariña, co fin de pulsar a súa opinión e recoller as súas propostas para “fortalecer esta comarca, a través do noso traballo nas institucións ás que representamos”.

Os populares elexiron desta volta o municipio de Alfoz, pois é un dos municipios do interior da Mariña, no que a actividade agrícola e gandeira son os principais piares da súa economía, e que “poderían acadar un maior impulso se non fose porque o alcalde que ten leva durmindo nos laureis dende que tomou posesión do cargo. Estamos no ecuador do mandato e todos podemos comprobar isto que dicimos”, remarcaron.

Deste xeito, no transcurso do encontro, no que tamén participou o voceiro do PP neste municipio, Juan José Fraga, lamentaron a ausencia de políticas municipais que aposten pola diversificación da industria existente, de modo que xeren valor engadido á produción agrogandeira para que as explotacións e empresas sexan rendibles e máis competitivas. E é que, ademais do peso que tamén ten o sector da madeira neste municipio, o hortícola tampouco é menor, precisaron.

“A Mariña interior debe ser un referente nos produtos da horta galega, mágoa que o dirixente socialista non o vexa ou non o queira ver”. Por iso, engadiron, “quixemos escoitar aos nosos veciños. Ninguén mellor ca eles para explicarnos as súas necesidades. Agora, nós trasladarémolas aos departamentos correspondentes para paliar as eivas na xestión do Goberno local”, afirmaron.

Esta reunión enmárcase “no camiño” emprendido hai meses por ambos os dous deputados para “facer unha política porta a porta, baseada no contacto directo cos cidadáns”. “Cremos que só así podemos dar solucións. Estamos para traballar, para solucionar problemas, non para crealos, e entendemos que a mellor maneira de facelo é esta”, conclúen.

Exit mobile version