Site icon Crónica3.com A Mariña

Deputación e Concello ofrecen en Burela un centro de atención profesional a veciños con Alzheimer a través de AFAN

DSC_0015Lugo, 9 de febreiro de 2018. A Deputada de Benestar e Igualdade, Sonsoles López Izquierdo, e a Concelleira de Servizos Sociais de Burela, Patricia Otero Rodríguez, mantiveron un encontro con representantes da Asociación de Familiares e Enfermos de Alzheimer e Outras Enfermidades Neurodexenerativas (AFAN) para coñecer o resultado e grao de satisfacción das colaboracións que Gobernos Provincial e Municipal manteñen con este colectivo. Estas permiten contar cunhas instalacións públicas nas que ofrecer atención profesional de luns a venres a unha decena de veciños da Mariña con dita enfermidade.

Ditas instalacións son municipais e o Concello tenas cedidas gratuitamente a AFAN Burela para situar nas mesmas a chamada Unidade de Respiro Familiar. As colaboracións de Deputación e Concello tamén son económicas, superando os 5.000 euros. Estas permiten a contratación de dous profesionais para a atención dos usuarios e o desenvolvemento de actividades de estimulación cognitiva e física.

Todo isto fai posible que 10 veciños de Burela, O Valadouro e Foz acudan de luns a venres á Unidade de Respiro Familiar de AFAN onde reciben atención profesional e realizan exercicios de memoria, como aprendizaxe de regras mnemotécnicas, exercicios de atención visuais e auditivos, como sudokus ou labirintos; actividades de cálculo mental; orientación espacial e temporal; de linguaxe, con xogos de palabras e exercicios de narración, entre outras actividades.

Colaboración con todos os colectivos de Alzheimer da provincia
O Goberno da Deputación colabora con todas as asociacións da provincia que prestan atención profesional diaria a lucenses con Alzheimer, así como ás súas familias, con máis de 50.000 euros, que permiten aos seguintes 5 colectivos ofrecer este servizo: AFA-Chantada, AFA-Monforte, AFA-LU, AFA-Viveiro e AFAN Burela.

López Izquierdo destacou que “aínda que non temos as competencias nesta materia, dende este Goberno, dentro da nosa aposta por unha Deputación coas persoas e sumamente social, colaboramos con todos os colectivos da provincia implicados na atención profesional de persoas con Alzheimer porque consideramos que é necesario axudar e mellorar a calidade de vida dos máis de 10.000 lucenses que sofren esta doenza e ás súas familias, que en moitas ocasións son as grandes desamparadas”.

AFAN Burela
A Asociación de Familiares de enfermos de Alzheimer e Outras enfermidades neurodexenerativas é unha asociación sen ánimo de lucro que ten como principal finalidade o tratamento do Alzheimer e Outras enfermidades neurodexenerativas, así como proporcionar información e orientación sobre esta doenza tanto a familiares, como á poboación en xeral. O colectivo conta cunha Unidade de Respiro Familiar en Burela, posta en marcha no ano 2015, atendendo a través de profesionais especializados a 9 usuarios. Ofrece obradoiros de estimulación cognitiva, de apoio ás actividades básicas da vida diaria, programas de acollida e atención psicolóxica para os familiares, impartidos pola psicóloga e a coidadora de AFAN Burela.

Exit mobile version