Site icon Crónica3.com A Mariña

Feijóo renova o compromiso co Campus da Terra de Lugo e avoga por poñer ao servizo do rural galego todo o seu coñecemento

Lugo, 16 de febreiro de 2018.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, renovou hoxe o compromiso co Campus da Terra de Lugo e avogou por poñer ao servizo do rural galego todo o seu coñecemento. “A ordenación do territorio e da propiedade, a agricultura, a xestión forestal sustentable, a conservación dos recursos naturais, a seguridade e calidade alimentaria e a relación cos animais nos ámbitos sanitarios, produtivos e ambientais son asuntos sobre os que os alumnos poden formarse neste campus e precisamos que todo o seu coñecemento o poidan poñer despois de xeito máis activo a favor de Galicia e do rural galego”, dixo.

Durante a entrega do XVIII Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, Feijóo subliñou, como proba deste compromiso, que o próximo curso comezarán a impartirse dúas novas titulacións, que afondan na liña da modernización do rural para facelo máis competitivo e máis sustentable: un máster en operacións e enxeñaría de sistemas aéreos non tripulados e o primeiro grao oficial de paisaxe, o primeiro interuniversitario en Galicia.

“Estamos a falar dun paso máis na especialización do Campus de Lugo como Campus da Terra, para aproveitar todo o seu potencial como referente no campo da enxeñaría agraria e da ciencia veterinaria”, afirmou, incidindo en que sen formación, sen investigación e sen traballo científico sería imposible falar dun rural galego renovado, capaz de atopar novas formas de produción, coas máximas garantías sanitarias e con menores custos.

Nesta liña, subliñou que 2017 foi un dos mellores anos para os produtos do sector primario, tanto en produción vitivinícola, láctea, cárnica ou no referido á pesca. Ao fío disto reiterou que no sector cárnico o número de toneladas subiu un 6% con respecto a 2016, a facturación no sector lácteo incrementouse máis dun 10% e no sector vitivinícola a produción subiu un 3%. E referiuse, tamén, ás numerosas fusións de cooperativas. Así mesmo, resaltou que o sector pesqueiro galego acadou a mellor cifra de facturación en lonxa, rompendo o teito dos 500 millóns de euros.

Por outra banda, subliñou que ao longo do ano pasado aprobáronse máis de 1.300 axudas para mellorar as explotacións e garantir a incorporación de mozos. E entre 2017 e 2018, estanse a mobilizar uns 200 millóns de euros en investimentos industriais para transformar produtos agroalimentarios.

Feijóo concluíu a súa intervención destacando a traxectoria destes premios que cada ano recoñecen a contribución á mellora do ámbito rural de Galicia de persoas, empresas ou institucións.

Exit mobile version