Fernández Queipo entregou unha selección de 25 libros do Catálogo de Publicacións do Organismo Autónomo de Parques Nacionais (OAPN) que pasarán a formar parte da biblioteca do centro, como recoñecemento a súa labor de investigación e avaliación dos efectos do cambio climático na Reserva da Biosfera Terras do Miño.
O Deputado de Medio Ambiente subliñou que “é fundamental o traballo conxunto de toda a sociedade para preservar a riqueza natural da que dispoñemos na provincia de Lugo, pois o 55% do noso territorio está catalogado como Reserva da Biosfera pola Unesco. Neste senso, é de recoñecer a labor de investigación dos alumnos de sexto de primaria do CEIP de Riotorto, que o pasado ano participaron no Programa Nacional de Fenoloxía con éxito, acadando o primeiro premio”.
En total, rexistráronse datos de 20 colexios e institutos referentes a 8 reservas da biosfera: Conca Alta do Río Manzanares; Gran Canaria; A Palma; Mariñas Coruñesas; Grazalema, os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá; Terras do Miño; e Serra do Recuncho. Foron 277 os datos fenolóxicos rexistrados na aplicación do Programa. CEIP Riotorto contribuíu con máis do 25 % dos rexistros de centros educativos a nivel nacional seguido de CEO Tunte (RB Gran Canaria) cun 18 % dos rexistros.
O Programa de seguimento fenolóxico da Rede Española de Reservas da Biosfera consiste en realizar un seguimento continuado de especies comúns de fauna e flora nas reservas da biosfera, co fin de analizar cambios a longo prazo (adiantos ou atrasos) das datas nas que teñen lugar os diferentes feitos biolóxicos que caracterizan ás especies estudadas: migracións, floracións, reprodución, etcétera.
O obxectivo do Programa é avaliar, a través de estudos fenolóxicos, os efectos do cambio climático na Rede Española de Reservas da Biosfera, involucrando no seu desenvolvemento aos diferentes sectores da sociedade representados nestes espazos: xestores, profesionais, profesores, escolares, agricultores, gandeiros e público en xeral. Con iso fomentarase a sensibilización da sociedade cara á reserva da biosfera e fomentarase a súa participación en proxectos comúns.
3 Reservas da Biosfera declaradas pola UNESCO
Lugo conta con tres Reservas da Biosfera como son As Terras do Miño; Os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá; e a do Río Eo, Oscos e Terras de Burón. A Reserva da Biosfera Terras do Miño foi a primeira declarada en Galicia pola Unesco, en novembro de 2002. Ocupa unha extensión de 363.669 hectáreas, o que a converte na segunda máis extensa de todas as declaradas na Península Ibérica, ocupando un 39% por cento da provincia de Lugo.
Pola súa parte, a Reserva da Biosfera de Os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá foi declarada en outubro do ano 2006 e ocupa unha superficie de 53.664 ha, incluíndo territorios de tres municipios: Cervantes, Navia de Suarna e Becerreá, o que supón o 5% da provincia de Lugo. Finalmente, a Reserva da Biosfera do Río Eo, Oscos e Terras de Burón foi declarada en xuño do ano 2007, sendo a máis recente e contando con unha superficie de 159.379 ha, o que supón un 11% da superficie da provincia de Lugo. Esta superficie afecta a sete municipios; Ribadeo, Trabada, A Pontenova, Ribeira de Piquín, Baleira, A Fonsagrada e Negueira de Muñiz.